XUVENTUDE

Un programa de voluntariado para mozos e mozas permitirá a recuperación da Carballeira de Tarrío

04/07/2013 A actividade desenvolverase nos días 16, 23 e 30 de xullo na parroquia do Carballal co obxectivo de promover a concienciación e sensibilización da poboación nova sobre o medio.

A concelleira de Xuventude, Rebeca Domínguez, presentou esta actividade acompañada por Francisco Míguez de Don Bosco e Cristina Rojas de Igaxés3. En palabras da edila, con esta actividade "preténdese fomentar o coñecemento do medio natural da contorna da cidade, fortalecer o compromiso dos máis novos co respecto ao medio natural e implicar á xente nova na actividade voluntaria ademais de constituir unha actividade didáctica para mozos e mozas en risco de exclusión social".

Os voluntarios deste programa levarán a acabo a rehabilitación da carballeira do lugar de Tarrío, na parroquia do Carballal, un espazo de gran valor medioambiental e que leva dez anos sen acondicionar. Os participantes limparán a maleza, identificarán e inventariarán as diferentes especies para que despois o Concello proceda a talar aquelas que estén fora da marcaxe.

A actividade, que terá lugar os martes 16, 23 e 30 de xullo entre as 10 e as 14h, está orientada a mozos e mozas de entre 14 e 20 anos.

Para todos aqueles que queiran participar disporase dun autobús con saída dende o Concello á carballeira ademáis dun monitor e un técnico de medioambiente. A inscrición poderase facer ata un día antes de que se leve a cabo a actividade no departamento de Xuventude do Concello.

Compartir: