TURISMO

O paro tivo en Santiago en xuño o maior descenso en termos absolutos dende o 2006

03/07/2013 O paro descendeu na cidade en 433 persoas con respecto a maio deste ano, un 4,54%. O descenso en Santiago superou o descenso medio tanto de Galicia, que foi do 3,68%, como de España, un 2,6%.

No mes de maio o número de persoas paradas en Santiago descendeu en 433 con respecto ao mes de maio, segundo os datos do Ministerio de Emprego. Xuño é un mes no que tradicionalmente hai unha baixada nas persoas apuntadas no paro en Santiago, pero a cifra deste ano ten especial importancia porque é a segunda mellor dende xuño de 2006. Trátase ademáis do cuarto mes consecutivo no que hai un descenso no número de persoas rexistradas no paro na cidade.

En termos porcentuais, o descenso en xuño na cidade foi do 4,54%, unha cifra que supera tanto os descensos medios que se produciron en Galicia, do 3,68%, e no conxunto de España, un 2,6%. Con estas cifras continua ralentizándose o crecemento do paro interanual, que no mes de xuño foi do 2,66% respecto a xuño do 2012.

Dende o Concello de Santiago considérase que os datos de xuño son positivos e confirman as previsións feitas respecto a que estamos nuns meses nos que descende o número de persoas paradas na cidade, especialmente polo impacto do sector turístico, no que o demanda internacional continúa crecendo.

Pese aos datos de xuño, o Concello de Santiago é plenamente consciente das dificultades económicas da cidade, que está afectando a vida de moitos composteláns. Neste sentido, considérase que os datos son positivos simplemente no contexto económico actual, pero que en termos absolutos amosan unha situación moi preocupante para milleiros de persoas.

Por este motivo o Concello de Santiago continuará traballando co obxectivo de que se poda alcanzar canto antes o punto de inflexión no crecemento do paro en termos interanuais, de tal xeito que haxa tamén un descenso do paro en termos desestacionalizados, algo que non se produce dende marzo do 2008.

Descenso no número de persoas rexistradas no paro en Santiago no mes de Xuño

2013 2012 2011 2010
433 397 359 322

2009 2008 2007 2006
392 243 144 469

Compartir: