CULTURA

O curso de verán Música a mi-la-do traerá profesores de renome a Santiago na segunda semana de xullo

02/07/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, presentou o programa acompañado por Ilona Timchenko e Javier Otero, membros da Asociación Peregrinos Musicais e profesores do curso, que se desenvolverá na Escola de Altos Estudos Musicais do 8 ao 14 de xullo.

O rexedor sinalou que este proxecto de curso de verán para músicos novos nace co apoio da Escola de Altos Estudos Musicais, a Concellería de Cultura e o Consorcio da cidade e con vocación de continuidade. Trátase dun curso no que os participantes poderán disfrutar das clases de instrumento cun enfoque especial cara a técnica e a súa aplicación, un estudo eficaz e aspectos interpretativos, todo baseado na ampla, exitosa preparación e traxectoria musical dos docentes.

Así o curso contará con profesores de renome como o violinista libanés Ara Malikian, que ofrecerá un concerto o xoves 11 ás 18.00 horas no Colexio La Salle, ou o pianista Luís Fernando Pérez, que actuará o sábado 13 ás 20.30 h no Teatro Principal. Os concertos asociados ao curso complétanse coa actuación de H.Armas, T.Piel e J.Otero Neira (viola, cello e piano, respectivamente) o luns 8 ás 21.30 h na Capela Real do Hostal dos Reis Católicos, e coa do Trío Magrí o venres 12 ás 20.30 no CGAC. Estes catro concertos están incluídos no programa Via Stellae, que se celebrará nesas datas na cidade. Currás fixo fincapé na importancia de aproveitar as sinerxias entre ambos programas. Os profesores titulares son Ilona Timchenko, Elina Viksne, Humberto Armas, Bárbara Switalska e Marion Sarmiento Vallverdú, e os invitados, ademais de Malikian e Pérez, Larisa Shomina e Irina Gruia.

Ademais completaranse estas actividades cun curso instensivo de educación auditiva. Para os máis avanzados nesta materia tamén se ofrecerán clases de composición e os instrumentistas de corda poderán iniciarse nos principios básicos de técnica barroca.

Será unha semana chea de actividades na que todos os participantes poderán gozar dunha experiencia musical única. Ademais, desde o segundo día do curso participarán en concertos, que se celebrarán as 14.00 horas na Escola, para así forxar a súa destreza no escenario. Tamén haberá clases e concerto de música de cámara e como guinda final un concerto da orquestra de cámara do curso con particpación dos alumnos do curso como integrantes ou como solistas.

Tamén hai espazo para os máis pequenos, por iso a oferta inclúe o programa "Family Music Time", un módulo especial para nenos de entre 0 e 7 anos baseado no método "kindermusic" impartido en inglés pola profesora Irian Gruia. Este innovador método pretende acercar os máis pequenos ao mundo do sonido e da música á vez que asimilan o idioma dunha forma amena e natural.

Compartir: