FESTAS

Primal Scream pechará as Festas do Apóstolo o día 31 na Quintana

02/07/2013 A banda escocesa, referencia absoluta dentro do rock nos últimos anos, estará actuando na Praza da Quintana como colofón das Festas do Apostolo 2013 o próximo 31 de xullo, así o deu a coñecer o concelleiro de Festas, Francisco Noya, en rolda de prensa, onda tamén presentou un avance do programa, que inclúe concertos e actuacións para todos os públicos.

O grupo publicou o pasado mes de maio o seu décimo traballo de estudio, "More Lights", cunha esplendorosa acollida por parte de crítica e seguidores, o que demostra a plenitude de facultades da banda. Primal Scream chegarán a Santiago despois de ser cabeza de cartel nalgúns dos maiores festivais europeos coma son Glastonbury ou o FIB de Benicassim. Esta xunto coa data de Santiago serán os únicos concertos no noso país.

As entradas para disfrutar dunha noite de rock bailable, no que se intercalarán hits imperecedoiros coas novas e excitantes composicións, sairán á venta cun prezo reducido de 17 euros para as primeiras 200 unidades. O resto, terán un prezo de 20 euros en venda anticipada e 24 o día do concerto. Poden atoparse xa nos seguintes puntos de venda: billeteira do Teatro Principal (en horario de 17.30 a 20.30 de martes a sábado, ambos incluídos), EntradasNovagaliciaBanco.es e Ticketea.com. As portas para o concerto abriranse ás 20.00 e trala actuación dos teloneiros ás 20.45 h, a banda escocesa subirase ao escenario da Quintana ás 21.45 horas.

O grupo
A historia de Primal Scream é unha historia de amor pola música e de transgresión de barreiras creativas que sitúa á banda nun status no que poucos outros grupos da súa xeración conseguiron acadar. Cuns inicios marcados pola devoción cara os clásicos coma os Rolling Stones, que se reflexa no seu gusto pola profusión de imperecedeiros riffs de guitarra e os coros góspel, a banda tivo un punto de inflexión co lanzamento de "Screamadelica" en 1991, no que firmaron un dos discos referenciais dos anos 90 que segue a ter plena vixencia máis de 20 anos despois.

Os escoceses, orixes dos que sempre fan gala, desenvolveron a partir dese punto unha carreira chea de risco e experimentación, na que sempre se moveron, e moi a gusto, entre un poderoso rock de guitarras, a electrónica e a facilidade para uns retrousos que están gravados en afeccionados dos cinco continentes.

Ademais de "Screamadelica", a banda firmou outros traballos maiúsculos coma "Vanashing Point", de 1997, no que se perciben devaneos coa dub music, "XTRMNTR", de 2002, no que afondan na súa vertente electrónica; ou "Riot City Blues", de 2006, no que o rock de corte clásico retoma o leme da banda.

Toda esta traxectoria culmina en "More Lights", con colaboracións de Robert Plant (Led Zeppelin) e Kevin Shields (My Bloody Valantine) no que un tenso equilibrio entre as diferentes facetas do grupo apodérase das canción incluídas nel, e que a crítica internacional máis reputada, coma Pitchfork.com, Mojo, The Guardian ou a estatal coma Rockdelux, califica de novo éxito dunha banda que case 30 anos despois do seu primeiro traballo segue a ter unha voz propia na escena da música popular contemporánea.

Avance do programa
O concelleiro de Festas fixo tamén un avance da programación, onde se "poderán atopar actuacións para todos os gustos", algo que xa queda reflexado nos únicos dous concertos de pago: Primal Scream e Raphael. A noite do 24 será a do Rock, con dous grupos galegos: A Banda do Camión e Riff Raff, tribudo a ACDC. Nesta mesma corda, Os Resentidos, con todos os seus compoñentes, actuarán o 25.

Cambiando de póla, o luns 29 será o turno de Soraya e para os máis novos haberá unha actuación especial o propio día do pregón (luns 22), aínda por desvelar. A música tradicional galega tamén terá o seu espazo co II Certame Folk, que repite en 2013 tralo éxito acadado o ano anterior, ó igual que as xornadas de folclore e datas habituais como o Día do Traxe.

Os grupos da cidade estará presenten a través do espazo "Emerxentes", no que 6 bandas poderán dar a coñecer a súa música nas prazas de Praterías e Toural. Este ano volverá actuar a Real Filharmonía, despois da boa acollida que tivo o concerto do Apóstolo pasado na praza da Quintana. Será o domingo 28. Para rematar, a Concellería de Festas tamén pensa nos máis pequenos da casa e por iso programará unha serie de actuacións para o público infantil e familiar no Salón Teatro e no Teatro Principal.

Compartir: