OBRAS

Rematadas as obras da rúa Virxe Branca

02/07/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e a concelleira de Urbanismo, María Pardo, visitaron a rúa da Virxe Branca, no Castiñeiriño, tralo remate das obras de remodelación da mesma, que tiveron un custe de máis de 240.000 euros.

Cumprindo as demandas dos veciños, levouse a cabo a reurbanización total da rúa, substituíndo as redes defectuosas (saneamento), soterrando en parte as redes aéreas que actualmente discorren grapadas ás fachadas (telefonía, electricidade e alumeado público) e colocando novas redes non existentes (en particular, redes de telecomunicacións ).

Así mesmo, aumentouse levemente o ancho da beirarrúa e estableceronse pendentes lonxitudinais o máis continuas posible respectando as entradas a portais de vivendas preexistentes.

En canto á pavimentación, realizouse nos mesmos materiais que os utilizados na urbanización do SUNP 12. Tamén se executou unha franxa lonxitudinal de xardín baixo a que se colocarán as canalizacións de telecomunicacións e electricidade, facilitando a execución das futuras conexións de acometida. Esta rede subterránea conta con entronques ás fachadas para permitir o enganche nas condicións actuais das vivendas
Así mesmo, dotouse á beirarrúa de rede de tráfico e colocouse a sinalización horizontal e vertical adecuada.

No que respecta á xardinería, levouse a cabo a plantación de arbustos de tal xeito que non supoñan problemas para futuras obras de conexión na franxa axardinada. Ademais ubicaronse novas papeleiras nas rúas.

Este proxecto implicou unha inversión de 240.157,17 euros (IVE incluido), que se financiaron con recursos propios do Concello. O proxecto foi elaborado polos propios técnicos municipais e tivo un prazo de execución de 1 mes e 10 días e con él tratouse de paliar unha inxustiza histórica cos veciños deste barrio.

Compartir: