EDUCACIÓN

Os nenos e nenas de Santiago gozan do verán coas actividades do Programa de Conciliación

02/07/2013 A concelleira de Educación, María Castelao, visitou o CEIP das Fontiñas, onde se está a desenvolver o programa de conciliación laboral e familiar organizado pola Concellería. En horario de mañá, as nenos e os nenos participantes divírtense cos xogos programados, pero tamén aprenden.

O programa desenvolverase do 1 ao 31 de xullo e do 1 ao 10 de setembro no CEIP das Fontiñas e ten como obxectivo primordial facilitar a conciliación da vida familiar e laboral, ofrecendo aos nenos e nenas unha alternativa de lecer e tempo libre, desenvolvendo valores de cooperación, respecto e tolerancia. Segundo indicou a edila, nesta primeira quincena participan 65 nenos e para a segunda hai 50 matriculados, ao igual que para o mes de setembro. María Castelou lembrou que se algún pai ou nai está interesado, aínda pode formalizar a matrícula.

A concelleira puido comprobar in situ como os rapaces aprendían a facer galletas nun obradoiro de cociña e salientou o importante esforzo que fixo o Concello para poñer en marcha este programa, que por primeira vez tamén se celebra en setembro.

O curso pretende promover actividades que favorezan a diversión creando un ambiente lúdico; desenvolver a autonomía persoal no día a día; dar a coñecer diferentes actividades lúdicas de lecer e tempo libre; promover actividades que favorezan o traballo en equipo e a creatividade; fomentar o compañeirismo e a tolerancia a través de actividades de traballo en equipo; potenciar actitudes de valoración e respecto cara o entorno físico e natural; dar a coñecer que é o medio ambiente, a natureza e a importancia que ten que todos debemos coidar dos mesmos; e coñecer o entorno que nos rodea.

Dentro do programa, intercálanse actividades lúdicas, deportivas, xogos e obradoiros. Así mesmo, cóntase con servizo de madrugadores e de comedor.

O Concello ofrece tamén un programa de conciliación a través de Centros Socioculturais, ademais das dez entidades da cidade que ofrecen programas de conciliación, algunhas delas en instalacións municipais cedidas para as mesmas.

Compartir: