DEPORTES

O Concello anima a todos os composteláns a recibir o Compos o martes pola tarde na praza do Obradoiro

01/07/2013 Despois de acadar o ascenso á segunda B en Murcia, a expedición da SD Compostela ao completo chega a Santiago para celebralo. Serán recibidos no pazo de Raxois mañá, martes 2 de xullo, ás 20.30 horas.

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, anima a toda a cidadanía de Compostela a achegarse ata o Obradoiro para celebrar co equipo o éxito conseguido, un merecido ascenso a segunda divión B, o segundo consecutivo. A plantilla e o corpo técnico saudarán aos seus seguidores desde os balcóns da Casa do Concello.

Varela salientou que estamos a vivir unha época dorada do deporte na cidade, xa que ao éxito da SD Compostela hai que sumar os do Obradoiro, Santiago Futsal, Grixoa, Arcade, Arteal, etc. O edil de deportes quixo felicitar publicamente ao presidente da entidade, Antonio Quinteiro, e desexoulle que os triunfos continúen como ata agora.

Compartir: