CASCO HISTÓRICO

Concello e Consorcio abren a xanela única de información e tramitación de axudas á rehabilitación

20/06/2006 A delegación da Oficina da Cidade Histórica e de Rehabilitación (OCiHR) abre as súas portas no baixo da sé do Consorcio co propósito de relanzar as políticas de recuperación da zona vella. Ademais tramitará e dará apoio técnico a tódolos proxectos que teñan como característica común o seu vencello coa área de protección especial do casco vello.

A nova delegación de rehabilitación nace froito dunha nova etapa de colaboración entre Concello e Consorcio. Trátase de mellorar a xestión, cunha estructura de reparto de tarefas na que o Concello asume a tramitación das axudas para a rehabilitación e o Consorcio ofrece ao cidadán o asesoramento técnico e o financiamento.

O obxectivo é que a oficina da rúa do Vilar funcione coma xanela única en aspectos relacionados cos inmobles ubicados no centro histórico histórico. Esta nova oficina focalizará a atención ao cidadán, a modo de punto de información, e dela partirán tódolos pasos necesarios para proceder ás obras de rehabilitación daqueles que soliciten as axudas.

Segundo o alcalde e presidente do Consorcio, Xosé A. Sánchez Bugallo, "esta delegación facilita que os que se queiran acoller aos programas de rehabilitación poidan recibir todo o apoio técnico e administrativo sen saír do edificio". Trátase de "dar o maior número de facilidades aos veciños" e supón un paso máis para "re-impulsar" o proceso de rehabilitación de vivendas.

"Hoxe rehabilítanse en torno a 100-120 vivendas cada ano e queremos achegarnos ás 200-250, co obxectivo de que no período 2013-2014 estea rehabilitado todo o conxunto de vivendas do casco histórico". Sánchez Bugallo animou aos veciños a rehabilitar as súas vivendas e apuntou, en comparación co custo dunha vivenda nova, que o custo medio de rehabilitación é duns 21.000 euros.

Atención permanente

A nova delegación da OCiHR abre as súas portas no corazón da zona vella, na planta baixa do edificio que alberga as oficinas do Consorcio de Santiago (rúa do Vilar, n. 59). Seguindo esta liña habilitarase un horario cómodo para o veciño abrindo tamén polas tardes (9-14 h. y 17-19 h.).

A oficina situada nos baixos do Consorcio unifica nun único lugar tódalas tarefas de asesoramento, información e trámite de solicitudes para a rehabilitación de vivendas, edificios e locais comerciais.

A oficina componse de dous postos permanentes de atención e información ó cidadán, complementadas co asesoramento técnico dun arquitecto e dun economista. En total serán catro persoas destinadas a ofrecer axuda en catro puntos fundamentais: atención directa co público, información previa ao inicio do proceso de rehabilitación, asesoramento técnico por parte do arquitecto municipal e asesoramento en materia de xestión económica de axudas e supervisión administrativa.

Co fin de resolver problemas burocráticos, a delegación da OCiHR ofrece axuda e supervisión en todo o proceso administrativo de tramitación e de realización de solicitudes previas ao inicio de obras. O cidadán tamén pode resolver tódalas súas dúbidas relacionadas coa facenda ou pagos de IVE.

Nos temas que requiran un especial tratamento ou unha atención diferente existe a posibilidade de concertar una cita previa con calquera dos técnicos. No propio edificio do Consorcio, traballando conxuntamente coa nova delegación da OCiHR, atoparase o Taller de Proxectos. O seu labor será o de asesoramento técnico, que fará a través do seu equipo, conformado por 4 arquitectos e 2 arquitectos técnicos. Todos eles serán supervisados polos tres arquitectos directores, encargados da coordinación dos proxectos do Consorcio. Esta axuda amplíase tamén a todo o relacionado coa redacción da documentación técnica precisa para a petición de subvencións para rehabilitación.

Asesoramento previo gratuíto

Ademais, Concello e Consorcio poñen a disposición dos veciños un servizo de asesoramento previo gratuíto que o interesado pode solicitar sen compromiso. Este asesoramento previo pódese completar cunha visita previa dun técnico do Consorcio á vivenda, tamén gratuíto. No caso de que a obra vaia adiante, o equipo técnico procederá á realización do proxecto, e en todo caso, o equipo do Consorcio supervisará a execución da obra.

Por outra banda, nos casos referidos a obras menores ou pequenas remodelacións, dende a oficina subvenciónase a memoria valorada que é necesaria, polo que o interesado non está obrigado a correr cos gastos da elaboración da documentación técnica esixida para obter a licenza de obra.

Todas estas funcións da nova oficina e os seus obxectivos foron presentados en rolda de prensa polo alcalde compostelán, acompañado pola concelleira de Rehabilitación e Casco Histórico, Mercedes Rosón, e polo xerente do Consorcio, Xosé Manuel Villanueva.

Compartir: