EDUCACIÓN

A Escola de Música ofrece un curso de música de cámara e clases maxistrais para mozos e mozas composteláns

01/07/2013 O Concello de Santiago de Compostela, a través da Escola Municipal de Música, poñerá en marcha o programa VERÁN DE MÚSICA 2013, na sede Escola Municipal de Música entre os días 8 e 13 de xullo de 2013 en colaboración co Natalia Ensemble, un grupo de novos músicos de alto nivel que comezaron a súa andaina na Gustav Mahler Jugendorchester. A concelleira de Educación, María Castelao, presentou o programa en rolda de prensa, xunto cos músicos André Cebrián e Bleuenn Le Friec, e a directora da Escola, Sara Domínguez.

A Escola Municipal de Música en colaboración co Natalia Ensemble ofrece entre os días 8 e 13 de xullo un curso que complementa a música de cámara coas clases individuais de instrumento, impartidas polos integrantes deste conxunto instrumental. O profesorado participará activamente en cada grupo de cámara. O alumnado que o desexe poderá participar soamente nas clases individuais, nas clases de música de cámara, ou en ambas as dúas.

As clases maxistrais terán lugar os días 8, 9 e 10 de xullo, mentres que as de música de cámara serán o 11, 12 1 13. Están pensadas para estudantes de música a partir dos 12 anos e ofrécense as seguintes especialidades: violín, viola, violonchelo, contrabaixo, frauta, óboe, clarinete, arpa celta, arpa clásica, piano, repertorio vocal para pianistas e cantantes, e percusión.

O curso completo (Clases maxistrais e Música de Cámara) ten un custe de 100 euros, aínda se aplicarán descontos do 20% aos participantes que acrediten ser familia numerosa, se participan dous ou máis irmáns nesta mesma oferta e se son alumnos da EMM de Santiago de Compostela. Se se asiste só ás clases de cámara o prezo será de 60 euros, e 70 se se opta polas clases maxistrais. Haberá un máximo de 6 alumnos por profesor en cada especialidade. O prazo de preinscrición xa está aberto e remata o 5 de xullo.

A concelleira de Educación, María Castelao, agradeceu a colaboración de Natalia Ensemble, un grupo formado por músicos de gran calidade, e Sara Domínguez, directora da Escola, indicou que este curso nace da demanda dos pais e dos propios rapaces de seguir completando a súa formación musical nos meses de verán.

Documentos relacionados



Compartir: