FUNDACIÓN GRANELL

Invitación á experiencia poética a través dos obxectos

20/06/2006 O comisario Eugenio Castro, artista do grupo surrealista madrileño e crítico de arte, trae á Fundación Granell a exposición colectiva "Dons da intemperie: poéticas (obxectuais) do elemental". A mostra invita a ter "unha vivencia inédita do sensible a través da experiencia poética: atopar a beleza, e a dimensión poética en todo aquilo que nos rodea, mesmo no máis insignificante –os obxectos abandonamos á súa sorte á intemperie". Estará aberta do 22 de xuño ao 18 de setembro.

A exposición presenta a unha serie de artistas que descobren nos obxectos, tanto orgánicos como industriais abandonados á intemperie, potencia poética e forza expresiva. Todos eles e elas teñen en común o traballo coa idea estética do "obxecto atopado". O cartón, o papeliño, a ramiña, o retrinco de plástico, o arame ou o barro recollidos polos artistas como regalos da intemperie, acadan un novo valor coa ollada dos artistas. Na mostra participan os artistas Luis Jaime Martínez del Río, Carmen Algarada, Luis Fega, Evaristo Bellotti, Nieves Vorreta, Fernando Baena, Jordi Alcaraz e o galego Santiago Mayo.

A Fundación Granell inclúe esta exposición na súa programación, xa que o traballo con obxectos atopados para liberalos do seu uso frecuente e o descubrimento da súa dimensión poética é unha das dinámicas propia do traballo surrealista con obxectos. En palabras do comisario da mostra, a fraxilidade, a indefensión e a inutilidade do obxecto son os que fan que "conteñan en potencia unha incalculable riqueza para quen a saiba ver".

A intención desta mostra non é a de encadrar os diferentes autores/as dentro de categorías artísticas predeterminadas que se acheguen a un uso semellante do obxecto na historia da arte contemporánea, xa que cada un deles ten un comportamento singular. O que o comisario pretende, é achegar ao fundamento poético do obxecto: "un re-descubrimento do obxecto (sen importar a súa orixe, o seu material, a súa utilidade) como portador do luxo inconsumible da pobreza, ao entenderse este coma unha materia erosionada portadora da memoria, como un exemplo da experiencia".

Compartir: