CULTURA

Via Stellae aposta pola diversidade de oferta e de espazos nunha oitava edición con 21 concertos ao longo de dúas semanas

26/06/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e o director-xerente do Auditorio de Galicia, José Víctor Carou, presentaron a oitava edición do festival Vía Stellae, que se desenvolverá do 5 ao 19 de xullo en diferentes espazos da cidade. Serán 21 concertos, 13 deles gratuítos, ao longo de dúas semanas.

O Concello de Santiago, que organiza e promove esta oitava edición, presentou un festival que, contando co apoio do público e o recoñecemento da prensa especializada, convértese un ano máis en centro da actividade musical en Compostela no mes de xullo. Esta edición, segundo José Víctor Carou, "aposta pola diversidade de oferta e de espazos", trazando un "diálogo cultural" entre recoñecidos artistas internacionais e galegos.

O alcalde salientou que esta edición trae de novo interpretes de categoría constrastada que enchen un cartel de 21 concertos de gran riqueza e variedade, onde a música antiga e barroca continúa a ser argumento sólido, sen esquecer outras épocas, xéneros e disciplinas, e poñendo tamén atención nos autores galegos. Ángel Currás puxo este evento como exemplo de que "se pode facer unha grande oferta cultural con menos recursos", en referencia a un orzamento que baixa dos 100.000 euros de 2012 aos 30.000 desta edición.

O festival inaugúrase venres 5 de xullo cun programa barroco interpretado pola Real Filharmonía de Galicia, dirixida, no Teatro Principal, polo mestre Maximino Zumalave. Ata o 19 de xullo mesturaranse no Via Stellae xéneros e artistas de diverso perfil. Os concertos celebraranse en espazos significativos de Compostela como os teatros Principal e Salón Teatro; as igrexas de Ánimas, Santa María do Camiño e Universidade; espazos ao aire libre como o claustro de San Xoán do Hostal dos Reis Católicos e as prazas de San Martiño Pinario e A Quintana; e outros espazos como o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) ou Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia.

Para os concertos gratuítos só será necesaria a previa retirada de invitación. Para o resto dos concertos, as entradas están á venda a 8 euros -excepto para Colexio La Salle (Ara Malikian, 11 xullo), que custará 10 euros-, na billeteira do Teatro Principal, de 17:30 a 20:30 horas (domingos pechado), en entradas.novagaliciabanco.es e no teléfono 902 434 443.

Barroco, música antiga e historia
Via Stellae contará con artistas e agrupacións de prestixio internacional da talla do conxunto italiano Il Suonar Parlante, que nos achegará unha das obras mestras de Bach, A ofrenda musical; da soprano coreana Sunhae Im, que acompañada polo grupo catalán Vespres d’Arnadí cantará un programa monográfico dedicado ás heroínas operísticas de Haendel; dunha das mestras e especialistas do canto e do barroco, a soprano arxentina María Cristina Kiehr, cun programa dedicado ao Renacemento na compañía do seu compatriota o vihuelista Ariel Abramovich, ou de dous talentosos solistas como o italiano Vittorio Ghielmi (un recital de viola da gamba inspirado no suxestivo título Les voix humaines e cheo de fermosas pezas de compositores franceses, alemanes e ingleses) ou o clavecinista brasileiro Nicolau de Figueiredo (orixinal programa ibérico de clave con autores españois e portugueses).

150 anos de Cantares Gallegos
Este ano cúmprense 150 anos da antoloxía poética Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, que recibirá cumprida homenaxe no concerto de dous composteláns, a soprano Mercedes Hernández e o tiorbista Fernando Reyes. Outro músico santiagués con percorrido internacional, o arpista Manuel Vilas, achegaranos dúas interesantes propostas arredor do seu instrumento, a arpa: a primeira cita con arpa barroca e centrada nas danzas do Barroco hispano e a segunda con arpa medieval, recuperando música bretona e occitana. Non falta a habitual e imprescindible presenza das orquestras galegas no cartel do Via Stellae, representadas pola Real Filharmonía de Galicia, encargada de inaugurar o festival baixo a dirección de Maximino Zumalave, con obras sinfónicas de madurez dos mestres do Clasicismo Mozart e Haydn.

Colaboración cos cursos de verán
O Via Stellae dedica unha parte da súa programación á música de cámara e ao piano en colaboración cos cursos de verán. A Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM) acolle durante o mes de xullo o curso Música a MI LA DO, que conta entre os seu profesorado co violinista de orixe libanés Ara Malikian, que capitanea unha orixinal versión para toda a familia das Catro estacións de Vivaldi, ou do pianista madrileño Luis Fernando Pérez, que inclúe no seu recital unha ampla selección da sempre esixente suite Iberia, de Albéniz. Ademais, poderanse escoitar dous monográficos dedicados á música de cámara de Rachmaninov (a cargo das tres integrantes do Trío Magrí, organizadoras do curso: Ilona Timchenko, Barbara Switalska e Elina Viksne) e de Brahms (co trío de viola, cello e piano formado por Humberto Armas, Thomas Piel e Javier Otero). Unha prometedora agrupación formada por novos músicos procedentes de todos os recunchos de Europa e unidos pola súa vinculación á prestixiosa Gustav Mahler Jugendorchester (presentes en Santiago no marco do curso Verán de Música organizado pola Escola Municipal de Música) dedican a dúas obras primordiais de Mahler e Debussy o seu concerto no Hostal dos Reis Católicos.

OFF (percusión) Stellae e danza
A achega alternativa do festival a outras músicas, outras visións, outros espazos queda materializada, nesta edición, en catro concertos e espectáculos organizados en colaboración co FIP, Festival Internacional de Percusión. Na praza da Quintana terá lugar o concerto, con música do galego Adrián Saavedra, compartido por Odaiko Percussion Group e a Banda Municipal de Música (por primeira vez no Via Stellae) e a reunión de Odaiko cos seus amigos para explorar baixo o prisma da percusión os fundamentos da música tradicional. Ademais, o CGAC acolle a proposta que combina danza, audiovisual e música do Grupo Residente de Percusión do FIP, e a igrexa da Universidade a clausura do festival a cargo do vigoroso dúo tinerfeño Tak-Nara.

Ademais do proxecto de danza, audiovisual e percusión do do Grupo Residente de Percusión do FIP, a oferta vinculada á danza contemporánea conta coa enriquecedora presenza da Compañía Nacional de Danza de Costa Rica, que visita por primeira vez en Galicia e presenta no Teatro Principal o espectáculo Vacuo, que dirixe a coreógrafa galega Maruxa Salas.

Direcciones relacionadas



Compartir: