ALCALDÍA

O alcalde participou en Madrid no Consello Territorial da FEMP

25/06/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, asistiu á reunión do Consello Territorial da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), celebrada na sede deste organismo en Madrid.

Na orde do día da reunión figuraba o debate sobre o Anterproxecto de Lei de Racionalización e Sostenibilidade da Administración Pública. Así, acordouse seguir negociando co Goberno os aspectos aínda pendentes de incorporar á reforma local.

No transcurso da reunión do Consello Territorial expuxéronse os avances conseguidos en relación ás alegacións formuladas pola FEMP ao texto do Anteproxecto, como o recoñecemento de que a determinación do custo estándar debe ser informada na Comisión Nacional de Administración Local; a supresión do artigo que posibilitaba a intervención dos Concellos de menos de 5.000 habitantes por parte do Ministerio de Facenda e Administracións Públicas; e o establecemento de que os Concellos menores de 20.000 habitantes tamén poderán exercer competencias delegadas polas CCAA, unha opción que tiñan vetada con anterioridade.

Non son estes os únicos cambios que se incorporaron ao texto do Anteproxecto. Así, os alcaldes de poboacións menores de 1.000 habitantes poderán recibir retribucións e estableceuse un mecanismo polo que a delegación de competencias aos concellos por parte das CCAA se recollerá en convenios que garanten que estes recibirán o 100% do financiamento, así como unha estabilidade no tempo non inferior a cinco anos.

Malia todo, aínda quedan por incluír algúns asuntos xa pechados na última reunión da Comisión Nacional de Administración Local e que o propio Ministro de Facenda e Administracións Públicas se comprometeu coa FEMP a incluír no Anteproxecto antes de que este volva a Consello de Ministros para a súa aprobación e posterior remisión ás Cortes, o que se prevé que aconteza no mes de xullo.

Trátase de catro aspectos: un, definir con máis claridade que os interventores non poden entrar en cuestións de oportunidade política, senón limitarse á súa función de control de eficacia; dous, a retirada dunha frase incorporada a última hora que fala de intervención temporal de municipios previa á súa disolución; tres, que se reflicta con absoluta claridade que, en relación ás competencias en materia de Educación, ata que non se aprobe o novo modelo de financiamento autonómico, os Concellos seguirán prestando os servizos como ata agora, é dicir, que non terán que financiar as CCAA pola súa xestión; e, catro, o custo estándar determinarase con participación da Federación Española de Municipios e Provincias.

Compartir: