URBANISMO

O Concello externalizará a disciplina urbanística en materia de limpeza urbana

25/06/2013 O Concello vai externalizar o servizo de disciplina urbanística en materia de medio ambiente urbano, segundo anunciou a concelleira de Urbanismo, María Pardo. O obxectivo desta medida, dixo, é "facer efectiva a aplicación" da Ordenanza reguladora de convivencia, residuos e limpeza viaria.

A edil denunciou a proliferación de pintadas, especialmente no caso histórico, cuxa limpeza xa custou no que vai de ano 35.000 euros ás arcas municipais (uns 7.000 euros ao mes). En 2012 o gasto por este concepto fora de 65.000 euros. Tamén se referiu á presenza de cartelería, anuncios ou adhesivos en edificios, mobiliario ou farois.

Para facer máis efectiva a imposición e cobro de sancións por estas pintadas e outros danos no patrimonio, o Concello externalizará o servizo de disciplina urbanística nesta materia. Preténdese así asegurar o cumprimento dunha ordenanza, a de convivencia, residuos e limpeza viaria, que xa fixa sancións para este tipo de condutas.

Ademais, a concelleira ficho un chamamento aos cidadáns para que "afeen" estas condutas que danan o patrimonio da cidade. Animounos a denunciar estas prácticas á Policía Local e a avisar aos servizos de limpeza cando detecten unha pintada.

Mantemento do Casco Histórico
Tamén en relación a este tema, María Pardo indicou que o seu Departamento xa prepara para 2014 os pregos de condicións para licitar un servizo de mantemento do Casco Histórico. Ocuparíase de cuestións como a eliminación de pintadas, limpeza de fachadas (requirindo a propietarios privados de ser necesario), mantemento de mobiliario, etc.

Compartir: