URBANISMO

A rúa da Raíña deixará de ter a cualificación de zona saturada de ruído

25/06/2013 A concelleira de Urbanismo, María Pardo, anunciou que se vai revisar o decreto de zonas saturadas, a fin de adaptalo a algunha situación e normativa actual.

Unha das situacións que se corrixirá é a do horario das terrazas, que se adaptará á situación máis restritiva formulada na ordenanza de terrazas. Tamén se vai solucionar un erro material, consistente na existencia dalgunhas rúas e prazas que existían como zonas saturadas no plano gráfico, pero non no texto do decreto.

O terceiro cambio ten que ver cunha rúa en concreto, a da Raíña, que deixa de estar declarada como zona saturada. Segundo explicou a concelleira, resultaba "discriminatorio" que esta rúa tivera unha clasificación distinta que outras rúas anexas. Neste sentido, referiuse ao paradoxo de que estivera clasificada como saturada unha zona na que unicamente hai censadas 15 persoas.

Finalmente, adaptarase o decreto para permitir os cambios de uso dos locais hostaleiros nesas zonas saturadas sempre que non se trate de novos establecementos ou de incrementos de aforo. Trátase de afrontar situacións nas que existen "usos obsoletos ou que xa non existen" na normativa autonómica, encargada de establecer esta clasificación.

Suspensión temporal da inspección técnica de edificacións
Nesta mesma rolda de prensa, María Pardo anunciou a suspensión temporal da aplicación da Ordenanza reguladora da inspección técnica de edificacións, ata que non estea aprobada a normativa estatal que se prepara ao respecto. Unha vez lista esta norma, adaptarase a Ordenanza á mesma.

Compartir: