TURISMO

Primeira excursión dende Área Santiago

23/06/2013 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, participou na primeira excursión organizada polo grupo Área Santiago e que levaba por título "Marabillas do Camiño Portugués de Padrón a Santiago".

Esta excursión piloto serviu como base para testar o desenvolvemento de futuras excursións e paquetes turísticos, de tal xeito que se amplíe a oferta de actividades para os turistas que veñan a Santiago e os arredores. Ao mesmo tempo, serviu tamén para testar a inclusión dos concellos veciños nos diferentes programas municipais de excursións, como en Santiago é o caso do programa Imos coa asociación.

A excursión xirou arredor de puntos destacados nos últimos quilómetros do Camiño Portugués. En primeiro lugar, visitouse o Casco Histórico de Padrón: a igrexa de Santiago, o convento do Carme, a praza de Macías o Namorado... En Padrón tamén se puido visitar o Mercado Dominical, un dos máis grandes de Galicia.

Ao mediodía visitouse o convento franciscano de Herbón, e logo a aldea de Angueira de Castro, xa no Concello de Rois, para ir camiñando ata o Pazo do Faramello. Dende aquí fíxose un tramo do Camiño Portugués, para rematar o percorrido na centenaria carballeira de Francos, xa no Concello de Teo.

Compartir: