SEGURIDADE CIDADÁ

Santiago de Compostela rexistrou unha redución do número de infraccións penais nos primeiros cinco meses de 2013

21/06/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e o subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán, presidiron na Casa do Concello a reunión da Xunta Local de Seguridade. Na xuntanza constatouse que nos primeiros cinco meses do ano houbo unha redución das infraccións penais.

Segundo apuntou Ángel Currás, ata o 1 de maio reducíranse un 2% as infraccións penais (delitos máis faltas) en relación ao mesmo período de 2012. O alcalde destacou especialmente datos como a diminución dun 13% dos delitos contra as persoas, do 18% dos roubos en vehículos ou do 8% nos roubos en comercios.

Tamén se referiu á eficacia policial, poñendo como exemplo a detención recente de seis persoas en relación a feitos delicitivos relacionados con roubos en vivendas. Neste labor policial incidiu tamén Jorge Atán, quen apuntou que "preto dun 50% de delitos e faltas son esclarecidos".

Á vista destes datos e aínda recoñecendo que "hai determinados roubos que alarman", o rexedor municipal insistiu unha vez máis en que "Santiago é unha cidade segura".

Roubos de cobre
Na reunión tamén se abordou a cuestión dos roubos de cableado de cobre. Así, o alcalde anunciou que se vai reforzar a coordinación entre Policía Local e Policía Nacional co fin de combater este tipo de subtraccións. Non obstante, demandou unha regulación administrativa que "impida a manipulación do cobre por calquera persoa" para mellorar o control destes delitos.

A Xunta Local de Seguridade tomou coñecemento igualmente da aprobación do Plan de Emerxencias Municipal, falouse do funcionamento do sistema de detección de drogas en condutores e avanzouse nos operativos de seguridade previstos para o verán.

Compartir: