EDUCACIÓN

Compostela uniuse ao Día Europeo da Música cunha xornada de concertos

21/06/2013 A concelleira de Educación, María Castelao, deu o pistoletazo de saída ás actuacións con motivo do Día Europeo da Música. Así, na praza das Praterías, actuaron a Orquestra do Espazo de Cámara da USC e a Banda Profesional do Conservatorio Profesional de Música de Santiago.

Unha edición máis, a música actúa como un elemento integrador e socializador, coa participación de centos de practicantes da música coral e instrumental da nosa cidade, un bo indicador de que, de maneira moi rápida, estase a producir un incremento cualitativo e cuantitativo de persoas que acceden á práctica da música.

Para a tarde estaban previstos máis concertos, comezando, ás 18:00 horas, na praza de Feixóo, pola actuación da Aula Aberta de nenos e nenas de Música e Movemento da Escola de Música Berenguela. Media hora despois, no mesmo lugar (dende os balcóns da Escola), concerto do grupo Singing in English.

Ás 19:00, 19:30 e 20:00 horas, na praza das Praterías, respectivamente, concertos da Orquestra de Corda, da Banda e da Agrupación de Música Tradicional da Escola Municipal de Música. As actividades continúan ás 20:00 horas na igrexa das Ánimas cunha mostra e exposición do Órgano Ibérico da Capela da Real Confraría das Ánimas e co concerto do Coro Amigos do CMUS Profesional Santiago de Compostela. A esa mesma hora, no Auditorio do Conservatorio Profesional, Zoar Ensemble, coa colaboración de Alex Cimadevila e Saúl Canosa.

Día Europeo da Música
O Día Europeo da Música é unha iniciativa do Ministerio de Cultura Francés, que estableceu que cada ano, coincidindo co primeiro día do verán e o máis longo do ano, se celebrara a Festa da Música. Un evento no que músicos de todo tipo (profesionais, afeccionados, estudantes) toman as rúas das súas cidades e utilizan espazos pouco habituais para a expresión musical: estacións, museos, parques, edificios públicos, entre outros.

Por outro lado, a festa serve para animar ás institucións principais da música (orquestras, óperas, coros, etc) a que realicen actividades fóra dos seus espazos habituais. Ao dar a benvida a outros tipos de música, estas institucións participan nun intercambio cultural que conectan os centros da cidade e as súas áreas periféricas, ofrecendo concertos en hospitais, prisións, igrexas e promovendo encontros entre os músicos máis noveis e os profesionais. Na actualidade, este evento celébrase en máis de cen países do mundo.

Compartir: