RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

Recepción aos participantes no IWODA’13

20/06/2013 A Facultade de Filoloxía acolle o segundo Santiago de Compostela International Workshop on Discourse Analysis (IWODA'13). Os seus participantes foron recibidos en Raxoi polo concelleiro de Relacións Institucionais, Francisco Noya.

Este simposio axudará á posta en común de técnicas, metodoloxías e ferramentas diversas para analizar o discurso dende distintas perspectivas (lingüística, literaria, crítica, fílmica, cognitiva, psicolingüística, psicolóxica, sociolóxica ou semiótica, entre outras), fundamentalmente en lingua inglesa. Nesta segunda edición, IWODA dá un paso máis no seu obxectivo de converterse nun referente internacional no ámbito dos estudos discursivos interdisciplinares ao reunir tanto a expertos/as nacionais e internacionais como a investigadoras e investigadores noveis de distintas universidades e centros de investigación, o que permitirá profundar as sinerxías entre os grupos de investigación e institucións representados no encontro.

A os/as máis de cen asistentes, únense prestixiosos/as académicos/as de renome internacional en calidade de relatores/as invitados/as, tales como Anne Fogarty, Catherine Emmott, Dawn Archer, Geoffrey Leech, Geoffrey Pullum, Martin Hilpert, Saran Knight e Stephen Regan, ademais de máis de corenta especialistas de todo o mundo procedentes da lingüística, a filoloxía, a psicoloxía ou a socioloxía, como integrantes do comité científico. Entre eles/as, atópanse figuras da talla de Alexandra Georgakopoulou, Angela Downing, David Kaufer, Douglas Biber, Gunther Kress, Ian Parker, Michael Bamberg, Michael Toolan, Ruth Wodack, Jan Renkema, Lachlan Mackenzie ou Mike Hannay, entre outros/as, os dous últimos presentes nesta edición.

Compartir: