EDUCACIÓN E NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Os pequenos escritores do Conto Viaxeiro atoparon o xeito de devolverlle a lingua ás pombas da Catedral

20/06/2013 As concelleiras de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, e de Educación, María Castelao, participaron no CEIP Apóstolo Santiago na lectura do Conto Viaxeiro, unha vez rematado o programa. O conto editado enviarase aos catro centros participantes: San Pelayo, Vite, Rodríguez Xixirei e Apóstolo Santiago.

O programa, destinado a nenos e nenas de 1º e 2º ciclo de educación primaria, desenvolveuse en dez sesións dunha hora e media cada unha. En cada unha das sesións introducíronse elementos constituíntes do conto- lugares, personaxes, situacións- favorecendo o coñecemento e a reflexión sobre o contorno lingüístico. Así mesmo, os monitores traballaron cos grupos para estimular a súa expresividade e creatividade artística.

Durante as dez sesións, os nenos e nenas foron construíndo un conto que narra a historia de Enma e Emilio, unha troita e un cullerato, que teñen que conseguir devolverlles a lingua ás pombas da Catedral. Para logralo, deben superar varias probas, coñecer Ponte Maceira, o castriño de Conxo ou o Monte do Gozo e, atopar, finalmente, que a solución está en que a practiquen para que siga a ser a lingua en que se transmite a paz polo mundo adiante.

Todos os materiais que elaboraron os nenos e nenas fóronse recollendo nun blog, onde se foi dando conta do avance da historia e se publicaron os materiais resultantes. Aquí tamén figurará o conto final.

Con este programa os organizadores pretendían contribuír ao achegamento dos rapaces á literatura oral e escrita, estimular a creatividade artística, dinamizar o uso da lingua e promover o desenvolvemento de novas iniciativas educativas e culturais.

Direcciones relacionadas



Compartir: