CENTROS SOCIOCULTURAIS

O CSC das Fontiñas acolle a quinta edición do Encontro Interxeracional de Xadrez

19/06/2013 O venres 21 de xuño, a partir das 17:00 horas, o Centro Sociocultural das Fontiñas acollerá o V Encontro Interxeracional de Xadrez, organizado pola Concellería de Centros Socioculturais. Será unha tarde dedicada a esta práctica deportiva, que practican habitualmente máis de 100 usuarios dos centros socioculturais.

O concelleiro de Centros Socioculturais, Francisco Noya, acompañado do responsable do CSC das Fontiñas, Jesús Carballo, e do profesor de xadrez Dan Cruz, presentou esta sesión lúdica de xadrez. Os interesados poderán participar tanto asistindo ás partidas interxeracionais, como visitando a exposición Campións de xadrez do mundo.

Ademais, como punto forte, haberá unha exhibición de Julio González Díaz, Dan Cruz Alvarez de Ron, Antía Martínez e Martín López Nores, finalistas no concurso televisivo Los Increibles. Farán demostracións de coñecemento de partidas históricas, de memoria, e demostracións a cegas, tal como o fixeran durante o concurso.

Actividade en alza
A Rede de Centros Socioculturais desenvolve durante o curso, en centros como os de Fontiñas, O Ensanche, Conxo ou O Castiñeiriño -o vindeiro curso tamén en Santa Marta e Vite- os Clubs de Xadrez, espazos abertos para a práctica e a divulgación deste deporte. Desenvólvense de outubro a xuño e atenden diversos grupos de idade, tanto de nenos como de adultos, en función do nivel de iniciación e especialización. Anualmente participan nestas actividades regulares máis de cen usuarios.

O xadrez é un xogo que favorece a estimulación da memoria e as destrezas cognitivas, ademais de favorecer o encontro e a relación social. Entre os nenos, como complemento educativo, potencia a intelixencia e as habilidades espaciais e matemáticas, inculca respecto e paciencia e introduce un código de normas que hai que cumprir. Incluso pode axudar en materias como a historia

Durante o curso, nos centros realízanse encontros con xogadores doutros centros e mesmo hai grupos avanzados de xadrez para competir na liga de xadrez autonómica. Como remate do curso, este encontro interxeracional pretende facer visible o traballo de todo o ano e amosar a grande afección que existe por este deporte nos centros socioculturais.

Pesca sen morte na Granxa do Xesto
Francisco Noya aproveitou a rolda de prensa para lembrar a celebración o sábado 22 de xuño, de 11:00 a 13:00 horas, da actividade de pesca sen morte na Granxa do Xesto, incluída no programa Vive o verán!. Aínda quedan prazas, polo que a inscrición nos centros socioculturais permanecerá aberta ata a tarde do venres 21.

Esta actividade é gratuíta e os participantes poderán realizar pesca sen morte de troitas e asistir a un taller de montaxe de plumas. Os rapaces poden levar as súas propias canas, ou adquirir unhas na propia Granxa do Xesto a un prezo de 5 euros. As troitas depositadas para a ocasión nos estanques quedarán alí para que outros interesados tamén poidan practicar a pesca sen morte.

Documentos relacionados



Compartir: