BENESTAR SOCIAL

Os participantes nas Aulas da Terceira Idade celebraron o fin de curso

18/06/2013 A Asociación Cultural de Formación Permanente de Adultos (Ategal) celebrou o peche do curso 2012-2013 cun acto festivo no Colexio Maior San Agostiño. A concelleira de Benestar Social, María Castelao, asistiu a este sesión de clausura, na que participaron todos os alumnos e alumnas das Aulas da Terceira Idade da sede de Santiago.

O acto abriuse coa presentación da memoria do curso pola coordinadora xeral das Aulas, Paula Sande, e coas intervencións das autoridades. Ademais de María Castelao, dirixiron unhas palabras aos presentes o vicerreitor de Estudantes e Formación Continua da USC, Francisco Durán; subdirectora xeral de Promoción da Autonomía Persoal da Xunta, Carmen Orgeira; e o director das Aulas de Ategal, Rafael Romero.

Na súa intervención, María Castelao, lembrou que, no municipio de Santiago, "case o 20% da nosa poboación supera os 65 anos, polo que se fai imprescindible que as administracións, e especialmente a local, leven a cabo actuacións dirixidas directamente a este sector, tan importante, non so cuantitativamente, se non que tamen cualitativamente da nosa sociedade". Así, referiuse a programas de envellecemento activo, como o Mente Activa ou o Positivíza-T, recordando ademais que, "dende servizos sociais, contamos cunha ampla programación nos centros socioculturais, engadindo a isto a prestación de servizos como o de axuda no fogar".

Manifestou a vontade do Concello de seguir apoiando "a continuidade de iniciativas coma esta, que lle permite aos nosos maiores adquirir novas competencias, socializar e manterse activos".

Posteriormente, Luis Hueso, catedrático de Historia do Cine da USC, impartiu unha conferencia titulada "O espectáculo cinematográfico nos últimos anos". Na sesión tamén actuou a coral de Ategal.

Ategal
Ategal é un centro de formación sociocultural sen ánimo de lucro, colaborador da Xunta de Galicia e pioneiro no seu ámbito en toda Europa. Leva 35 anos axudando aos adultos e persoas maiores a manterse activos, a mellorar a súa calidade de vida, a que atopen amizades e a participar en actividades para compartir o seu tempo de lecer. Na actualidade conta con 1.700 socios.

Envellecemento activo
Segundo os últimos datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) de 2012, en Galicia residen 2.781.498 persoas, das que 635.879 teñen máis de 65 años (22,86%). Delas, case 100.000 superan os 80 anos e unhas 1.200 os 100, principalmente en áreas de poboación de Ourense e Lugo que, tomadas de xeito individual, son as primeiras do mundo en envellecemento, mesmo por enriba de zonas xeográficas semellantes de Xapón, o país máis envellecido do mundo. Galicia segue a ser a segunda Comunidade Autónoma máis envellecida de España, despois de Castela e León.

A idade media da esperanza de vida en Galicia supera os 82 anos: 79 nos homes e 85,8 nas mulleres. Trátase do maior índice de Europa tras o francés, que é de 83 anos de media. Neste contexto e segundo advirten os especialistas do ámbito socio sanitario, si se queren acadar efectos positivos na sociedade e, respecto ao envellecemento nun futuro, é necesario abordar, canto antes, este fenómeno social, principalmente fomentando o envellecemento activo, sobre todo nos ámbitos social e sanitario.

Direcciones relacionadas



Compartir: