TURISMO

Área Santiago solicitará apoio a Turismo de Galicia e ás Deputacións da Coruña e de Pontevedra para promocionar os 19 concellos

17/06/2013 O Grupo da Área Santiago acordou solicitar reunións coa directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e cos presidentes das Deputacións da Coruña e de Pontevedra, Diego Calvo e Rafael Louzán, para amosarlles os obxectivos do grupo, as liñas de traballo que se están a desenvolver e solicitarlles o apoio das administracións autonómica e provincial nun proxecto xurdido a partires do Concello de Santiago e o traballo colaborativo de 19 concellos, que suman unha poboación de 270.000 persoas, practicamente o 10% da poboación de Galicia.

O Grupo reuniuse no edificio Cersia do Concello de Santiago. Na xuntanza aprobouse o plan de Acción do grupo para o período 2013 – 2014. As primeiras medidas do plan xa se lanzarán nos próximos meses. Entre elas destaca unha campaña de promoción do grupo, que se fará en vallas publicitarias en puntos de acceso ás proximidades de Santiago.

O obxectivo da campaña publicitaria é dobre. Por unha banda, diríxese ás persoas que pasan as súas vacacións na costa galega e que aproveitan para aproximarse a Santiago un día. Neste sentido preténdese amosarlles moi visualmente que tanto en Santiago como nas súas proximidades hai unha oferta moi ampla de actividades e atractivos para así incentivalos a alongar a súa estadía na cidade e na área.

Por outra banda, a campaña diríxese tamén á propia poboación local. Neste caso, a pretensión é que os propios habitantes dos concellos compoñentes do grupo sexan conscientes da oferta existente nas súas proximidades, fomentándose así o movemento entre concellos veciños. Os concellos que forman parte de Área Santiago son: A Estrada, Ames, Arzúa, Boqueixón, Brión, Lalín, Melide, O Pino, Oroso, Padrón, Rois, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vila de Cruces. Entre eles suman unha poboación de 270.000 persoas, practicamente o 10% da poboación de Galicia.

Ademais, Área Santiago acordou estudar a posibilidade de desenvolver un novo proxecto: "Goza do Tambre", que tería coma obxectivo desenvolver unha serie de roteiros polos diferentes concellos polos que pasa o río Tambre. Este proxecto sería similar ao proxecto pioneiro "Goza do Ulla", no que participan 19 concellos, entre eles varios que forman parte de Área Santiago: A Estrada, Arzúa, Boqueixón, Padrón, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces. Este proxecto de "Goza do Ulla" está consolidándose como unha forma distinta e innovadora de coñecer os atractivos do río Ulla, tanto para a poboación local como para os visitantes.

Compartir: