ALCALDÍA

Chegan a Compostela 90 policías nacionais procedentes de Ávila tras realizar o Camiño

14/06/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás; o delegado do Goberno en Galicia, Samuel Juárez; e o subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán, recibiron un grupo de 90 policías, futuros inspectores, procedentes da Escola Nacional de Policía de Ávila, que realizaron o Camiño de Santiago xunto con varios profesores.

Os policías estiveron acompañados no último tramo do Camiño, dende o Monte do Gozo ata a praza do Obradoiro, polo director xeral da Policía, Ignacio Cosidó. Logo da recepción, asistiron á Misa do Peregrino.

A expedición partira da Escola Nacional de Ávila o 6 de xuño para realizar os últimos tramos do Camiño Francés. Durante seis xornadas, profesores (axentes de distintas escalas e categorías) e alumnos do segundo curso da escala executiva dividíronse en dous grupos: uns 70 realizaron o Camiño a pé e outros 20 fixérono en bicicleta. En total, os policías-peregrinos percorreron, xunto a tres furgonetas de apoio, máis de 130 quilómetros ata a capital galega.

Non é a primeira vez que alumnos e profesores da Escola Nacional de Policía se unen nunha actividade de grupo como é percorrer o Camiño de Santiago. Neste caso pretenden reforzar os vínculos de compañeirismo e evidenciar o compromiso dos futuros inspectores da Policía Nacional co Corpo e co resto de axentes que conforman a Institución.

Compartir: