EIXO ATLÁNTICO

O Eixo Atlántico presenta unha guía turística dirixida ao turismo náutico do Arco Atlántico

16/06/2006 O alcalde compostelán e presidente do Eixo Atlántico, Xosé A. Sánchez Bugallo, e o secretario desta entidade, Xoán Mao, presentaron na Casa do Concello a nova guía turística Stella Maris, a primeira elaborada polo Arco Atlántico. A confección desta guía cd-rom enmárcase dentro do proxecto Stella Maris, que financia a iniciativa comunitaria Interreg III-B.

O proxecto Stella Maris desenvólvese en dous campos: o primeiro de carácter social, centrado na xuventude atlántica, e que deu como resultado o Informe sobre a xuventude no Espazo Atlántico. O segundo é o turismo náutico, cuxo produto principal é a devandita guía.

O obxectivo desta guía cd-rom, formato que responde á lóxica de que a xente que navega leva un ordenador a bordo, é promover un turismo transversal entre as cidades do Arco Atlántico, vertebrado arredor do mar Atlántico. En concreto, a guía céntrase no turismo náutico, un sector cun gran potencial pero pouco impulsado. Segundo Sánchez Bugallo, "trátase dun segmento non tan masivo coma outros, pero con grandes posibilidades de crecemento, e nós queremos estar nel".

Os seus contidos estrutúranse en dúas partes: unha parte de información sobre as cidades do Eixo para fomentar que a xente atraque o barco nelas, alugue un coche e percorra o interior e unha segunda parte máis técnica (información náutica, cartas náuticas, loxística de atraque, etcétera).

A guía, que está a ser distribuída en Francia, Inglaterra, Galicia e norte de Portugal a través dos clubes náuticos, estará proximamente dispoñíbel en Internet, na web do Eixo Atlántico. Na súa elaboración colaboraron varios clubes náuticos, especialmente os que promoven xunto co Eixo Atlántico a regata do Eixo Atlántico: RCN Vigo, Clube de Vela de Viana e Clube de Vela de Porto.

Compartir: