TURISMO

Santiago de Compostela é o oitavo destino urbano máis competitivo de España

12/06/2013 A concelleira de Turismo, Reyes Leis, valorou nunha rolda de prensa celebrada os resultados do estudo Urbantur: Monitor de competitividad turística de los destinos urbanos españoles, elaborado por Exceltur, entidade que agrupa a 24 dos grupos empresariais máis importantes do sector turístico do país.

O estudo analiza aos 20 destinos urbanos con maior éxito de España, entre os que se atopa Santiago, en base a seis eixos e tomando 57 indicadores distintos. Santiago ocupa a penúltima posición da lista das 20 cidades en termos de poboación. Non obstante, pese a que se compara con cidades que a superan amplamente en poboación, ocupa o oitavo lugar global en termos de competitividade.

Reyes Leis destacou que se trata dun estudo moi interesante para a cidade xa que se trata "dunha análise realista, que sitúa a Santiago nun bo posto, por riba do que lle correspondería en termos de poboación, pero que tamén amosa algunhas debilidades do modelo turístico da cidade. Pensamos que entre todos, sector público e privado, temos que traballar para superar as debilidades e mellorar se cabe a nosa posición".

Na presentación dos resultados correspondentes a Santiago, a concelleira considerou que un dos elementos que máis debe facer reflexionar tanto á Administración local coma ao sector privado é o lugar que ocupa a cidade na categoría de rendibilidade do modelo turístico. Malia que na clasificación global Santiago ocupa o oitavo posto, nesta categoría a cidade quédase no 16, apuntando claramente que non se están aproveitando as posibilidades do destino.

Reyes Leis afirmou que a cidade mantivo durante anos un modelo concentrado na demanda nacional, sen que se fixera un esforzo relevante por captar turismo internacional, que é o que fai un maior nivel de gasto. Así, o turismo nacional representaba na cidade entre o 65% e o 70% da demanda total.

Pero grazas á aposta do goberno municipal polo turismo internacional, no ano pasado esta situación comezou xa a cambiar, conseguíndose o maior número de pernoctacións foráneas na cidade, con 425.000 e un crecemento do 13% respecto ao ano anterior, situando por primeira vez as pernoctacións internacionais no 40% do total. Este ano, o turismo internacional, segundo os datos do INE, continuou crecendo, cun 6% máis de pernoctacións foráneas nos catro primeiros meses do ano.

Compartir: