CULTURA

Concerto dos alumnos e alumnas do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais

11/06/2013 O mércores 12 de xuño, os alumnos e alumnas do Curso Avanzado de Especialización Orquestral da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), acompañados por membros da Real Filharmonía de Galicia e dirixidos por Maximino Zumalave, interpretarán obras de Bach, Vivaldi e Mozart. Será ás 20:30 horas no Teatro Principal. Esta será a penúltima cita do ciclo Novas Orquestras.

A Escola de Altos Estudos Musicais, xestionada polo Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela, comezou a súa andaina no ano 1998 da man da Real Filharmonía de Galicia. Xurdiu co obxectivo de formar aos futuros profesionais da música aproveitando o potencial pedagóxico da orquestra e dos seus músicos altamente cualificados. Para promover este aspecto, a Escola, en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela, creou o Curso Avanzado de Especialización Orquestral dirixido a todos aqueles estudantes que, despois de finalizar os seus estudos, teñan como meta adquirir a experiencia necesaria para integrarse nunha orquestra profesional.

Como colofón dos seus estudos, cada un dos alumnos debe realizar un concerto público que implique unha participación solista destacada en grupos de cámara ou orquestra. Para tal finalidade, a EAEM organizou, conxuntamente coa Real Filharmonía de Galicia, dous concertos fin de curso onde os alumnos terán a oportunidade de demostrar diante do público a súa preparación e profesionalidade.

Así, ao devandito concerto, súmase outro do Grupo de Cámara da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), que pechará o ciclo Novas Orquestras con ‘A historia do soldado’, de Stravinski, o martes 18 de xuño, as 20:30 horas, no Teatro Principal.

As entradas a 3 euros. De balde para os abonados do Auditorio de Galicia, por cuestións de aforo do recinto, só para os primeiros 200; á venda na billeteira do Teatro Principal. Os dous concertos serán dirixidos polo mestre Maximino Zumalave.

Compartir: