FESTAS

Raphael dará en Santiago o seu único concerto en Galicia este verán dentro da súa xira "Mi gran noche"

10/06/2013 O concelleiro de Festas, Francisco Noya, e Raquel Seijo, da produtora Sweet Nocturna, presentou o concerto que Raphael ofrecerá o 30 de xullo, ás 22:30 horas, na praza da Quintana, dentro do programa das Festas do Apóstolo. Esta actuación será a única que o artista ofreza en Galicia este verán, dentro da súa xira Mi gran noche.

As entradas poderán comprar dende hoxe mesmo pola tarde a través de Servinova, e tamén dende mañá na Red Ticketmaster (Halcón Viajes, Carrefour, FNAC….). A partir da semana que vén poderán adquirirse igualmente na billeteira do Teatro Principal. As entradas terán un prezo de 20 € de pé e 25 € con cadeira. Venderanse 2.000 entradas de pé e 1.000 de cadeira.

Raphael inicia unha nova aventura baixo o título dunha das súas cancións máis emblemáticas, "Mi gran noche". Despois de máis de 50 anos de xiras percorrendo o mundo e, en especial, tras o tremendo éxito das máis recentes, Raphael volve a subir aos escenarios para centrarse principalmente, nesta ocasión, en España, México e Estados Unidos.

A xira Mi gran noche incorpora sorpresas para o público. Raphael ten preparado un novo disco con cancións que xa gravou no seu día e que serán unha parte moi importante destes novos concertos.

Neste proxecto, o artista "revisitará" algúns deses vellos temas para convertelos en novos, e o público volverá a escoitalos en directo despois de moito tempo. En Mi gran noche, Raphael non esquecerá, por suposto, eses temas míticos que forman parte do cancioneiro popular de varias xeracións, como "En carne viva", "Que sabe nadie", "Escándalo", "Amor mío", "Yo sigo siendo aquel" ou "Como yo te amo". Esta xira xa vén de triunfar no seu paso por América con máis de 70.000 entradas vendidas e agora chega a Galicia.

Dez días de festas
Francisco Noya aproveitou a rolda de prensa para anunciar que as Festas do Apóstolo terán nesta ocasión dez días, entre o 22 e o 31 de xullo. Apuntou igualmente que, salvo dous concertos, os demais serán de balde.

Compartir: