DEPORTES

A praza do Obradoiro acolleu a saída do 34º Gran Premio Abimota-Rexión de Aveiro

08/06/2013 Os días 8, 9, e 10 de xuño celébrase a edición número 34 do Gran Premio Abimota-Rexión de Aveiro de ciclismo. A proba saíu nesta ocasión da praza do Obradoiro, coa participación de ciclistas de 15 equipos españois, portugueses e suramericanos.

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, presenciou a saída desta primeira etapa, de 130 quilómetros, entre Santiago de Compostela e Vigo. A segunda etapa, xa en Portugal, partirá do Municipio de Vila Nova de Cerveira e chegará a Viana do Castelo. A carreira rematará o terceiro día co xa clásico percorrido polos municipios da Rexión de Aveiro.

Esta edición da proba apostou polo reforzo da súa compoñente internacional, contando con 15 equipos de catro países distintos. Aos seis equipos profesionais portugueses (rango continental) súmanse tres españois (Burgos-BH, Supermercados Froiz, e representantes da Deputación de León-Arte en Transfer), o ecuatoriano RPM Team Ecuador e o paraguaio Start Paraguay. O pelotó conta igualmente con catro equipos de clubs portugueses sub-23 - (Liberty, Maia, José María Nicolau e Anicolor).

Compartir: