ALCALDÍA

O GCPHE segue avanzando na súa profesionalización definitiva

07/06/2013 O alcalde compostelán participou en Córdoba na Comisión Executiva do Grupo Cidades Patrimonio da Humanidade de España. Na xornada do sábado celebrarase a Asemblea Xeral, á que asistirán Ángel Currás e os outros rexedores municipais das 13 cidades membros desta entidade sen ánimo de lucro cuxo obxectivo primordial é a defensa e promoción do seu patrimonio cultural, cuxo valor excepcional recoñeceu a UNESCO ao inscribilo na Lista do Patrimonio Mundial.

Nestas reunións en Córdoba, o Grupo Cidades Patrimonio segue avanzando nas liñas de profesionalización iniciadas na Asemblea Xeral celebrada en Santiago de Compostela no mes de marzo. Nestas xornadas aprobárase un orzamento de 1,6 millóns de euros e o nomeamento do primeiro director-xerente nos 20 anos de historia do GCPHE.

Considerando a promoción turística un proxecto estratéxico para a cidade, Santiago participa nas accións deseñadas neste eido dentro do Grupo Cidades Patrimonio. Nesta liña figuran os tres convenios asinados recentemente con Turespaña, Paradores e Renfe, que favorecerán a promoción nacional e internacional de Compostela.

Compartir: