CULTURA

Sons da Diversidade sae á rúa e ofrece un concerto na Praza da Música en Compostela

15/06/2006 O ciclo Sons da Diversidade pecha a programación deste primeiro semestre cun concerto de Marful o venres 16 no Auditorio de Galicia. Pero antes de chegar ao seu fin, aínda trae un agasallo máis. Unha festa ao aire libre o mércores, 21 ás 21:00 horas, na Praza da Música en Compostela, (diante do Auditorio). A Concellaría de Cultura quere así sacar o ciclo á rúa para achegalo ao maior número de xente.

No concerto estarán os cubanos Habana Blues Band e os galegos Lamatumbá e Ruxe Ruxe. Trátase de que a xente que se achegue á praza diante do Auditorio poida gozar da música chegada dende outras partes do mundo e da feita aquí. A festa coincide co remate do curso e coa chegada do verán e nace co obxectivo de ser unha cita máis cada ano do ciclo Sons da Diversidade.

Dicir Habana Blues foi un dos maiores éxitos do cine español durante o pasado ano. Como consecuencia do papel central que xoga a música no filme de Benito Zambrano xorde un grupo, a Habana Blues Band, representante destacado da nova escena musical que está nacendo nas rúas da capital cubana. Trátase de sons que serven de ponte entre os ritmos máis tradicionais - a salsa, o son, a guajira - e outros como os que chegan do rock ou o rap.

Entre os membros desta banda atópanse Dayán Abad e Kiki Ferrer, autores de boa parte das cancións incluídas na banda sonora da película. Xunto a eles, outros músicos destacados na escena actual cubana como Kelvis Ochoa ou Boris Larramendi, coñecidos tamén polo seu traballo por outro dos grupos máis destacados daquel país, Habana Abierta.

Lamatumbá é unha das propostas máis novas do actual panorama musical galego, coa súa orixinal mestura de reggae, samba, rumba e rock. Dende 1998 o seu nome é sinónimo de festa alí por onde pasa. Ese ano produciuse o seu debut artístico e colaboran na Feira das Mentiras, festival organizado por Manu Chao en Santiago de Compostela. Ademais dos dez compoñentes do grupo, outros músicos contribuíron a dar forma a este proxecto artístico. Todos eles deron forma ao seu primeiro disco e o único ata agora no mercado: "Lume (para que saia o sol)".

Ruxe-Ruxe trae o seu potente directo. Son xa dez anos de traballo e catro discos ás costas desta banda, formada en 1996 no compostelá barrio de Aríns. Nestes anos, o grupo ten mesturado o rock and roll coa música tradicional galega dende unha actitude punk. Unha chamativa proposta de instrumentos eléctricos e elementos rockeiros, xunto a outros máis tradicionais, como a gaita. Están á espera do seu quinto traballo, "Comercial", que nuns días estará na rúa.

Compartir: