ALCALDÍA

Máis de medio millón de euros da Deputación como apoio á actividade sociocultural do Concello

06/06/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, e o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, asinaron tres convenios de colaboración para o financiamento da rehabilitación da Casa de Brandía para centro sociocultural en Vidán; para financiar o programa de actividades durante o ano 2013 do Auditorio; e para o sostemento do centro sociocultural e xuvenil do Ensanche durante o ano 2013. O organismo provincial destina 560.000 euros a estes tres iniciativas.

O proxecto de rehabilitación da Casa de Brandía permitirá acondicionar a segunda planta este espazo para centro sociocultural en Vidán (a primeira planta xa funciona como tal). Nesta segunda fase acométense obras de albanelaría, carpintería interior e exterior, instalacións eléctricas, pavimentos e pintura, co que se conseguirá o acabado final da construción. Tamén se soluciona a accesibilidade ás plantas superiores coa instalación dun ascensor.

O edificio a rehabilitar atópase nunha leira de Brandía, e linda co río Sarela e a estrada xeral de Santiago a Noia. A casa, cunha superficie total de 463 metros cadrados, albergou dende a súa construción a principios do século XIX unha residencia de Xesuítas, pasando posteriormente a ser de uso particular.

No caso do Auditorio de Galicia, o organismo provincial colaborará con 240.000 euros a financiar o seu programa de actividades durante o presente ano 2013. Cómpre lembra que nesta programación anual se inclúen actividades como a temporada de abono de concertos da Real Filharmonía de Galicia, o Ciclo de Xóvenes Intérpretes, o Ciclo de Piano Ángel Brage, o Ciclo de Lied, Todo Lírica, Compostela Rock, Íntimo & Acústico, Sons 2013, Blues Nite ou a programación da Zona C.

Finalmente, asinouse un convenio polo que a Deputación achega 144.000 euros para o sostemento do Centro Sociocultural e Xuvenil Municipal do Ensanche durante o 2013. Este equipamento programa regularmente obradoiros, exposicións, visitas culturais, ciclos e outras actividades complementarias ou puntuais.

Compartir: