MOBILIDADE

O Concello acomete o pintado integral da sinalización viaria horizontal

06/06/2013 O concelleiro de Tráfico, Luis Bello, deu conta en rolda de prensa dos traballos de pintado da sinalización horizontal que se veñen realizando dende hai xa dúas semanas. Está previsto que a finais de setembro poidan estar rematados estes labores.

Os traballos consisten no pintado de elementos como cedas ao paso, stops, flechas de dirección, etc. Inicialmente, comezou a traballar un equipo de catro operarios, pero xa se reforzou con outro de tres operarios e máquina para o pintado das liñas laterais e centrais. O pintado execútase en dúas fases: unha primeira de pintado de pasos e demais simboloxía con dous compoñentes e dous equipos de pintura; e outra de pintado de liñas, para as que se utiliza unha máquina e pintura acrílica, a un ritmo de 8 quilómetros ao día.

No pintado da sinalización utilízanse dous compoñentes antideslizantes con árido. Neste sentido, o concelleiro lembrou que se realizan ensaios anuais e aleatorios en diferentes pasos de peóns e símbolos para comprobar a súa efectividade. Para as raias emprégase unha pintura acrílica especial para cidade.

Está previsto que os traballos a máquina se realicen no tramo entre o aeroporto de Lavacolla e San Lázaro, na estrada da Coruña ata San Caetano, na estrada de Ourense ata Amor Ruibal, en Rosalía de Castro, na Rocha, dende o Camiño Novo á urbanización de Brandía, e no Romaño e Vista Alegre.

Tamén se vai realizar unha campaña de pintado das zonas verde de estacionamento para residentes e emprazouse á adxudicataria da ORA para que pinte tamén as zonas azuis. Ademais, segundo indicou Luis Bello, haberá barrios que se pinten case na súa totalidade. Para interferir no menos posible na vida diaria dos veciños, os labores no centro da cidade realizaranse pola noite. Pintarase inicialmente en Pontepedriña, Vite, San Marcos, Camiño dos Vilares e Meixonfrío, para seguir logo por Vista Alegre, A Rocha e demais barrios.

O edil apuntou que para estes labores de pintado das zonas urbanas e rurais existe un orzamento anual de 265.377 euros, se ben nos últimos exercicios non se ten executado na súa totalidade. Con esta programación de traballos, confía en que se acometa o pintado de aproximadamente o 90% de sinalizacións e liñas de todos os barrios e parroquias.

Programa e sinalización experimental
Paralelamente a estes traballos, a Concellería está a desenvolver o programa INCA, que permitirá reflectir na cartografía municipal os traballos que se realizan. Así, esta ferramenta permitirá realizar unha programación futura de traballos de xeito máis áxil e eficaz.

Ademais, Luis Bello indicou que se está colocou unha sinalización experimental do perímetro da glorieta de San Lázaro con captafaros reflectores de vidro. Esta medida ten o obxectivo de evitar as invasións nesta glorieta.

Compartir: