XUVENTUDE

Continúa aberta a inscrición nas actividades do Verán Activo 2013

06/06/2013 As actividades do programa Verán Activo 2013, da Concellería de Xuventude, manteñen aberta a súa inscrición. As diferentes accións desenvolveranse no mes de xullo. Unha delas, o campamento, o English Surf Camp, xa esgotou as súas prazas.

A Concellería programou dous campamentos. O primeiro deles será o de Pena Aventura, que terá lugar en Portugal do 8 ao 18 de xullo. Os participantes, que deberán ter entre 18 e 30 anos, disfrutarán de actividades físicas como escalada, rutas en piragua, visitas ao entorno, descenso en tirolina, etc. O prezo, 75 euros, inclúe aloxamento, manutención e viaxe de ida e volta.

O segundo campamento, coas prazas xa esgotadas e pensado para mozos e mozas de 14 a 17 anos, mestura o coñecemento do medio coa náutica e o inglés. Os participantes desenvolveranse en inglés dunha forma lúdica mentres realizan actividades como o surf, paddelboard, esnorquel, bodyboard, kaiak-surf e outras como a visita a Castro Baroña, onde farán un exercicio de escalada. Para participar neste campamento non é necesario posuír experiencia nos deportes náuticos, pero si saber nadar e desenvolverse na auga. O prezo total é de 120 euros.

Outra das actividades na que aínda hai prazas é a xornada multiaventura que se celebrará en Carcacía o 23 de xullo. Por un prezo de 15 euros, os mozos e mozas de 16 a 30 anos poderán divertirse facendo rafting, tiro con arco, mini painball ou escalada.

A oferta complétase con dúas actividades dun día: un obradoiro de picnic e un de customización de camisetas, ambos de balde. O primeiro deles será en Hello Cooking (rúa de Sar, 96, baixo) e o segundo, impartido polo artesán Pablo Vila, no CSC do Ensanche.

As inscricións poden realizarse descargando a ficha nesta mesma web e entregándoa no rexistro municipal en Galeras ou en calquera dos rexistros auxiliares.

Direcciones relacionadas



Compartir: