BENESTAR SOCIAL

O barrio de San Pedro diagnostica os seus recursos, potencialidades e oportunidades

05/06/2013 A concelleira de Benestar Social, María Castelao, asistiu á reunión da coordinadora do barrio de San Pedro, na que se presentou un proxecto de recollida de material escolar e se abordaron as liñas de actuación a seguir a partir do Diagnóstico Comunitario do Barrio de San Pedro.

Co Diagnóstico Comunitario do Barrio de San Pedro realizouse dunha forma participativa, crítica e construtiva unha análise dos recursos, potencialidades e oportunidades que ten o barrio. Non se trataba solo de incorporar á comunidade como suxeito de coñecemento, senón de vinculala como suxeito de acción, é dicir, converter os seus veciños en actores e protagonistas dun proxecto transformador.

A través do diagnóstico social buscábase tamén compartir a visión da realidade do barrio entre os distintos actores e suscitar unha reflexión e un consenso colectivo coa constitución do grupo comunitario do barrio de San Pedro. No documento final (que se pode consultar na páxina www.compostelaintegra.org no apartado de Documentación - Barrio de San Pedro) recóllense:

- Características xerais do barrio: situación, marco histórico, estudo da poboación, datos sobre a vivenda, infraestruturas e equipamentos...
- Servizos e entidades presentes no barrio.
- Tecido asociativo.
- Outras entidades e servizos que participan no desenvolvemento comunitario.
- Descrición das entidades que forman parte do grupo comunitario.
- Análise de necesidades do barrio: detección de necesidades, diagnóstico social, mapa de risco social.
- Programa de intervención comunitaria: liñas de actuación.

Tras expoñer a recollida e análise de datos e despois de analizar coas distintas entidades do barrio as necesidades que se detectan no documento final exponse de forma resumida e priorizada aquelas necesidades que marcaran as futuras liñas de intervención no barrio. Para iso empregouse unha táboa que recolle as necesidades detectadas por cada unha das entidades que forman parte do grupo comunitario, co obxectivo de facer visible o peso específico de cada necesidade. Finalmente, reflíctese esta ponderación nun gráfico que nos permite ver claramente as conclusións.

As entidades participantes nesta coordinadora son:
- Asociación Veciñal A Xuntanza
- Cáritas Parroquial San Pedro
- Centro Don Bosco
- Centro de día Atención Integral "Arela"
- Centro Sociocultural a Trisca
- Plataforma polo Emprego
- Colexio Vilas Alborada
- CEIP Apóstolo Santiago
- Colexio Xuventude
- IES Antonio Fraguas- Fontiñas
- Cruz Vermella
- Centro de Saúde de Fontiñas
- Traballadoras sociais da UTS Porta do Camiño. Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Santiago de Compostela.
- Educadora do Programa Socioeducativo Municipal. Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Santiago de Compostela.
- Unidade de Atención a Drogodependentes. Concello de Santiago
- Equipo Dinamización Social Urbana Santiago Norte. Servizos Sociais. Concello de Santiago

Compartir: