COMERCIO

O Concello pon en marcha un programa para favorecer o desenvolvemento do tecido económico do barrio de San Pedro

05/06/2013 A concelleira de Comercio, Reyes Leis, acompañada da técnica de comercio Lucía Castro, presentou no Pazo de Raxoi o programa San Pedro para vivir, San Pedro para traballar. Os locais comerciais libres: unha oportunidade. Trátase dun proceso de dinamización e revitalización comercial organizado polo Concello no marco do programa europeo Urbana Santiago Norte, cofinanciado pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional.

O seu principal obxectivo é o de favorecer o desenvolvemento do tecido económico local, contribuíndo ao mantemento e apertura de novos comercios e negocios nos diferentes locais comerciais existentes na zona, así como dar a coñecer as posibilidades e usos alternativos destes espazos.

Neste sentido é de vital importancia contar coa participación activa das persoas que viven, traballan ou consumen nos barrios. Comerciantes, empresariado, persoas propietarias de locais, posibles persoas emprendedoras e veciñanza son os principais axentes sobre os que vai xirar este traballo. A colaboración e a implicación activa son fundamentais.

O obxectivo do Concello é contar coa colaboración dos diferentes colectivos para poder escoitar directamente as súas necesidades, traendo experiencias novidosas no aproveitamento de locais comerciais, traballando en grupo para ver como se poden poñer en consonancia os intereses de todas as persoas participantes, co obxectivo de revitalizar os barrios.

Para isto vanse realizar dúas charlas: unha relacionada coa tramitación de licenzas municipais para a apertura de locais e outra sobre a optimización no aproveitamento de locais baleiros. Posteriormente terán lugar dous grupos de traballo: un sobre o aproveitamento dos locais como recurso para a dinamización e as oportunidades de negocio no barrio, e outro sobre boas prácticas comerciais. En dúas sesións afondarase na diagnose destas temáticas e na realización de propostas de mellora.

O proceso rematará cunha charla que terá como obxectivo a dinamización do eixo comercial do barrio como exemplo de área comercial urbana e, ao seu remate, coa posta en valor de todas as achegas que se realizaron durante o proceso.

Calendario

- Conferencia: As posibilidades de uso e o potencial dos locais baleiros. Conferencia aberta a público interesado. Martes 11 de xuño. 20:30 a 22:00 horas. Centro Don Bosco.

- Conferencia: Axilización do proceso de obtención de licenzas municipais para a apertura de negocios. Conferencia aberta a público interesado. Xoves 13 de xuño. 20:30 a 22:00 horas. Centro Don Bosco.

- Grupo de traballo participativo: Aproveitamento de locais como motor de dinamización local. Oportunidades de negocio. Destinado principalmente a persoas propietarias de locais e persoas emprendedoras. 1ª sesión: Martes 18 de xuño. De 20:15 a 22:00 horas. Centro Sociocultural da Trisca. 2ª sesión: Martes 25 de xuño. De 20:15 a 22:00 horas. Salón de actos do Museo do Pobo Galego.

- Grupo de traballo participativo: Mellora das prácticas comerciais. Destinado principalmente a comerciantes, persoas titulares de negocios e persoas que consumen no barrio. 1ª sesión. Xoves 20 de xuño. De 20:15 a 22:00 horas. Centro Sociocultural da Trisca. 2ª sesión: Xoves 27 de xuño. De 20:15 a 22:00 horas. Salón de Actos do Museo do Pobo Galego.

- Conferencia final: Dinamización e posta en valor de áreas comerciais urbanas. Exemplo: eixo comercial San Pedro- Concheiros. Mércores 3 de xullo. 20:30 a 22:00 horas. Salón de actos do Museo do Pobo Galego.

A inscrición pode facerse por correo electrónico (comercio@santiagodecompostela.gal) coa indicación dos seguintes datos: nome e apelidos, teléfono e correo electrónico de contacto, perfil (titular de negocio, veciño/a, persoa emprendedora, persoa propietaria de local baleiro, ou outros).

Como acción de street marketing, previa concesión do permiso correspondente polos propietarios dos locais baleiros, vinilaranse escaparates dos locais baleiros coa imaxe do programa e simulando tendas virtuais.

Documentos relacionados



Compartir: