ALCALDÍA

O SCB abre a porta a novas vías de colaboración coas empresas do sector do turismo de reunións

04/06/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, participou na Asemblea do Spain Convention Bureau (SCB), que se celebrou en Santander, representando ao Santiago de Compostela Convention Bureau (SCCB), servizo de Turismo de Santiago para o fomento da cidade como destino de congresos, xornadas e incentivos. O SCB iniciou a apertura de novas vías de colaboración coas empresas do sector do turismo de reunións co fin de impulsar a promoción dos destinos españois a nivel internacional.

No encontro informouse sobre a reforma dos estatutos da SCB para dar cabida, como entidades colaboradoras, ás empresas e institucións privadas cuxo obxecto sexa a promoción do turismo de congresos. O propósito é que a colaboración e coordinación entre todos os actores resulte máis eficiente e sexa máis eficaz.

Tamén se valorou positivamente o anuncio da secretaria de Estado, Isabel Borrego, realizado no marco das xornadas de Santander, de que o próximo ano o convenio de colaboración SCB-Turespaña contará cunha dotación económica para apoiar o traballo que realiza esta sección da FEMP.

A Asemblea do SCB, coa que se pechou o encontro sobre turismo de reunións aprobou o plan de traballo para os próximos meses e a designación de Granada como sede do próximo encontro nacional en 2014.

Na reunión tratouse, entre outros asuntos, o plan de actividades para este ano, a coordinación con Turespaña para o desenvolvemento do plan de actuación conxunto e a colaboración coas Oficinas Españolas de Turismo no exterior para a promoción dos destinos nacionais noutros países. Unha das noticias desta Asemblea foi a incorporación ao SCB de dous novos destinos: Gandía e a Deputación de Barcelona.

Encontro de Santander
Máis de 150 profesionais e representantes locais implicados no turismo de reunións déronse cita en Santander durante dous días para analizar a situación do sector e debater as distintas tendencias que se observan no mercado asociativo. Tamén, para fortalecer este sector, optimizando os recursos e o funcionamento das distintas oficinas de convencións (Convention Bureau) que operan nos 56 destinos que forman parten do SCB. Ademais do alcalde, participou no encontro a concelleira de Turismo, Reyes Leis.

A reunión de Santander debateu sobre a sostibilidade na organización de reunións e eventos; das "Smart Cities" e dos beneficios que pode ter para un destino de reunións aplicar este concepto á xestión turística local; e tamén da colaboración e corresponsabilidade público-privada para a promoción dos destinos españois do turismo de reunións.

Compartir: