DEPORTES

Santiago acollerá a saída do 34º Gran Premio Abimota-Rexión de Aveiro

04/06/2013 O fin de semana do 8, 9, e 10 de xuño celebrarase a edición número 34 do Gran Premio Abimota-Rexión de Aveiro de ciclismo. A proba sairá nesta ocasión de Santiago de Compostela, coa participación de ciclistas de 15 equipos españois, portugueses e suramericanos.

O concelleiro de Deportes, Adrián Varela, e o o secretario xeral de Abimota, Paulo Rodrigues, presentaron en Raxoi esta 34 ª edición do Gran Premio Abimota-Rexión de Aveiro. A súa primeira etapa, de 130 quilómetros, desenvolverase entre Santiago de Compostela e Vigo, partindo da praza do Obradoiro.

A segunda etapa, xa en Portugal, partirá do Municipio de Vila Nova de Cerveira e chegará a Viana do Castelo. A carreira rematará o terceiro día co xa clásico percorrido polos municipios da Rexión de Aveiro.

Esta edición da proba apostou polo reforzo da súa compoñente internacional, contando con 15 equipos de catro países distintos. Aos seis equipos profesionais portugueses (rango continental) súmanse tres españois (Burgos-BH, Supermercados Froiz, e representantes da Deputación de León-Arte en Transfer), o ecuatoriano RPM Team Ecuador e o paraguaio Start Paraguay. O pelotón, que terá preto de 110 participantes, contará igualmente con catro equipos de clubs portugueses sub-23 - (Liberty, Maia, José María Nicolau e Anicolor).

Con motivo desta proba, Santiago recibirá tamén o 7 de xuño un evento promocional da Entidade Rexional de Turismo do Centro sobre a Ría de Aveiro.

Máis información nos enderezos www.grandepremioabimotaregiaodeaveiro.com e www.abimota.org

Compartir: