BENESTAR SOCIAL

O Concello renova a súa colaboración con Cáritas, Cruz Vermella e a Asociación Centro Cultural-Social Xoan XXIII

15/06/2006 O Concello de Santiago achegará 51.000 euros para colaborar coas actividades que realizan na nosa cidade Cáritas Interparroquial, a Cruz Vermella e a Asociación Centro Cultural-Social Xoan XXIII. O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, asinou esta mañá os convenios que así o establecen cos representantes destas tres entidades sociais.

Cáritas Interparroquial recibirá unha achega de 36.000 euros, que se empregarán para o desenvolvemento das prestacións e programas do Departamento de Atención Primaria. En concreto, a colaboración afectará a ámbitos como a prestación de alimentos, a saúde, o apoio económico ao pago da vivenda ou o programa Vieiro.

Esta entidade desempeña actividades de promoción social e desenvolvemento comunitario, encamiñadas basicamente á acción social. Traballa para abrir novas canles para a solidariedade social e desenvolve proxectos que afronten os problemas socias e as causas que o orixinan, loitando pola xustiza social e denunciando as causas xeradoras da pobreza e da exclusión. A área de actuación destas actividades abrangue ós seguintes colectivos como a muller, a infancia e xuventude, os transeúntes, ou os inmigrantes.

No caso da Cruz Vermella, a colaboración establécese para o desenvolvemento do proxecto de alfabetización de adultos, do proxecto de lecer e tempo libre con persoas maiores, do programa Servizo Integral Emprego (S.I.E.), da intervención en emerxencias, de servizos preventivos, do proxecto de Centro de Mediación Social e do proxecto de prevención de condutas violentas en xoves no ámbito escolar. O Concello aportará 9.000 euros para a realización destes programas.

A Cruz Vermella realiza, tamén en Santiago, un importante labor encamiñado basicamente á cobertura de servizos socias de carácter polivalente, prestando apoio ós colectivos de persoas maiores, minusválidos, con problemas de autonomía persoal, de soidade, para posibilitar a mobilidade destas persoas e aliviar a carga que supón para as súas familias.

Finalmente, o Concello colaborará coa Asociación Centro Cultural-Social Xoan XXIII no funcionamento do servizo de acollida durante a noite para transeúntes. O albergue ofrece un local dotado de 34 camas, repartidos en 6 habitacións e unha sala con aseos incorporados, onde os sen teito poden pernoctar, ter aseo persoal, lavado e pranchado de roupa, así como tamén contar coa axuda–orientación. Este servizo complétase cuns servizos complementarios que ofrece o Albergue, como duchas de mañá, lavado de roupa, servizo de roupeiro, complemento alimentario e servizo de consigna para gardar equipaxes.

Esta entidade ten coma fin xeral ofrecer un aloxamento alternativo aos grupos sociais máis desfavorecidos, entre os que se encontran os inmigrantes e transeúntes. Desenvolve diversas actividades tanto no eido social como cultural.

Compartir: