NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

Unha campaña para o establecemento Faino ti gaña o I Concurso de Proxectos de Publicidade Comercial en Galego

04/06/2013 A concelleira de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, presentou o proxecto gañador do I Concurso de Proxectos de Publicidade Comercial en Galego. A campaña triunfadora é a presentada por Isabel Vila Díaz co título "Tira do fío, faino ti" para a tenda Faino ti, situada no número 87 da rúa de San Pedro e propiedade de Natalia Horyaans.

O xurado do concurso tivo en conta o espírito e os produtos desta tenda de recente apertura (teas, fíos, ferramentas e materiais de todo tipo para costura, bordado, gacho, calceta...), recollidos no lema proposto e tamén nos ítems escollidos, que xogarán coa aprendizaxe, práctica e recuperación das técnicas e habilidades para estes traballos e, á vez, coa aprendizaxe, práctica e recuperación do léxico vinculado a eles.

O elemento central da campaña será unha postal microperforada que invita a ser "tuneada" con fíos, tea etc., para convertela nunha obra persoal que formará parte dunha exposición no establecemento. Incluirá tamén varias pezas de vídeo que terán como destino principal a comunicación viral. Do conxunto da campaña irá dando conta un blog que servirá asemade para difundir os produtos e servizos que se ofrecen. A campaña pretende establecer unha comunicación directa e personalizada cos posibles clientes, invitándoos a achegarse para coñecer a tenda de primeira man.

A Concellería de Normalización Lingüística puxo en marcha o I Concurso de Proxectos de Publicidade Comercial en Galego co fin de promover un maior uso do galego na comunicación do sector socioeconómico compostelán e engadir valor ás iniciativas publicitarias a través da intervención dos profesionais do deseño e da aplicación da creatividade e da innovación.

O concurso estaba dirixido a empresas ou profesionais do deseño e da comunicación, que debían presentar proxectos orixinais para publicitar un ou varios establecementos comerciais, hostaleiros ou empresariais asentados en Compostela.

Os proxectos avaliáronse tendo en conta a calidade lingüística, o aproveitamento dos recursos idiomáticos, a orixinalidade e a innovación nos contidos e nos formatos, a precisión na definición do target, a viabilidade técnica e económica e a adecuación dos ítems e das canles de distribución aos obxectivos. O premio é de 5.000 euros, que se entregan en dúas fases: unha quinta parte logo de resolto o concurso e o resto despois de realizada a campaña.

O xurado estivo presidido pola concelleira de Normalización Lingüística, Rebeca Domínguez, e formaron parte del como vocais a técnica de comercio Lucía Castro López, os profesionais do deseño e a comunicación Jesús Pérez Seoane (presidente de Creatividade Galega), Xosé Luís Reza Pérez (presidente de Markea) e Modesto Gómez Rodríguez (director de Enxeño Galicia), ademais da técnica de normalización lingüística municipal.

Compartir: