MOBILIDADE

Luis Bello reúnese cos veciños de Santa Marta para estudar a posta en marcha do aparcamento para residentes

04/06/2013 O concelleiro de Tráfico e Seguridade Cidadá, Luis Bello acompañado por técnicos do seu departamento, mantivo unha reunión informativa no local sociocultural de Santa Marta cos veciños de Santa Marta e Choupana. Á convocatoria da directiva da Asociación veciñal acudiron aproximadamente uns 180 veciños interesados pola implantación da zona verde de residente.

Esta modalidade de aparcadoiro é unha vella reivindicación dos veciños da zona que vén motivada polos constantes problemas de estacionamento que lles causa a súa proximidade ao Hospital Clínico coa invasión de vehículos foráneos.

O concelleiro, que previamente no mes de abril mantivera contacto coa directiva veciñal, foi informado que dende hai aproximadamente tres anos os veciños están a reivindicar a implantación deste sistema de aparcadoiro para dar solución aos residentes.

A raíz disto, os servizos técnicos da Concellaría de Tráfico puxéronse a traballar no deseño e planificación de zonas de aparcadoiro de residentes (24 horas), outras de libre aparcadoiro de 8 a 20 horas (pasando a zona residentes de 20 hs a 8 da mañá) e outras zonas libres.

Así mesmo comunicóuselles a intención do Concello de abrir ao público de forma gratuíta o aparcadoiro de bordo de Santa Marta para uso de veciños e visitantes do Hospital Clínico, levando a cabo accións conxuntas coa Xerencia do Hospital para canalizar os vehículos que aparcan no recinto hospitalario e que orixinan graves problemas de aparcadoiro e circulación, cara a esa zona.

O Concelleiro atendeu e respondeu a todas as preguntas dos veciños que interviñeron na charla informativa e despexou dúbidas sobre os trámites para solicitar a tarxeta, os que poden ser beneficiarios destas, prazas para minusválidos, pintado de zonas amarelas para evitar aparcadoiros en rúas estreitas, tarxetas para empresas e autónomos, e un longo etcétera; facendo fincapé nas vantaxes e desvantaxes que pode supoñer a implantación do sistema.

Acordouse finalmente abrir un prazo de solicitude de tarxeta de residente para zona verde co fin de saber o número de usuarios e valorar en reunión posterior a implantación deste servizo e en que zonas sería conveniente poñelas en marcha.

A preguntas dalgúns dos asistentes, tamén se falou dos vados na zona. O concelleiro comprometeuse a trasladar á edil de Facenda, Cecilia Sierra, a problemática para estudar alternativas ao pagamento.

Compartir: