TURISMO

Área Santiago quere posicionarse como un destino complementario cunha oferta turística diferenciada

03/06/2013 Os técnicos dos concellos da Área Santiago reuníronse no edificio Cersia de Santiago. É a primeira reunión técnica despois de que os alcades de A Estrada, Ames, Arzúa, Boqueixón, Brión, Lalín, Melide, O Pino, Oroso, Padrón, Rois, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vila de Cruces asinaran o pasado 27 de maio no Pazo de Raxoi o protocolo de colaboración co que naceu formalmente Área Santiago. Os concellos suman unha poboación de 270.000 persoas, practicamente o 10% da poboación de Galicia.

Na reunión actualizouse o cronograma de actuacións para a o período 2013 – 2014, definido nas reunións previas á constitución formal do grupo en base aos traballos que se están realizando nas tres comisións técnicas creadas a partires da análise dos recursos turísticos cos que se conta: A pesca e o turismo fluvial, Gastronomía e Paquetes. Posteriormente, iranse creando novas comisións para estudar outras temáticas de interese evidente para a Área de Santiago, como a dos Camiños de Santiago ou o aproveitamento das múltiples rutas de sendeirismo que hai na zona.

A curto prazo, de cara ao verán 2013, plantéxase un dobre obxectivo: por unha banda, quere posicionarse a Área Santiago de cara aos turistas de Galicia como un destino complementario e moi próximo a Santiago, cunha oferta lúdica, familiar, de natureza, patrimonial e gastronómica diferenciada; por outra, quere comunicarse aos propios habitantes da Área Santiago a multitude de opcións que hai nos concellos veciños, para fomentar o movemento entre eles.

Neste sentido, unha das iniciativas que se consideran prioritarias é a elaboración dun mapa de recursos turísticos, que sirva para poder informar sintética e visualmente dos atractivos que se atopan nos diferentes concellos do grupo, que en moitos casos son descoñecidos tanto para os visitantes, como para os propios residentes nos concellos e mesmo para o propio sector turístico.

A medio prazo, de cara a temporada 2014, trabállase para implantar un proxecto sobre a pesca e o turismo fluvial, tendo en conta que o territorio do grupo está fondamente marcado por dous dos ríos máis importantes de Galicia, o Ulla e o Tambre, así como polos seus afluentes, e que a pesca ten demostrado noutros territorios, como Canadá, Irlanda, ou países do leste de Europa, que pode ser un recurso turístico con gran atractivo.

Nesta liña, os membros da Comisión de Pesca do grupo reuníronse hoxe pola mañá cos técnicos da Xunta de Galicia para concretar conxuntamente as posibilidades de actuación neste ámbito. Esta reunión técnica foi posible grazas ao Director Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia, Ricardo García Borregón, quen atendeu o pasado 20 de maio aos membros de Área Santiago e amosou a súa disposición a colaborar co proxecto na medida do posible.

Tamén se está traballando na actualización de eventos de interese turístico da Área Santiago na axenda da web www.santiagoturismo.com, que no ano 2012 sumou máis de medio millón de visitas e preto de tres millóns de páxinas vistas. Estes eventos de interese turístico estanse actualizando ademais a través da conta en Twitter @santiagoturismo, empregando o hashtag #muycercadeSantiago.

Compartir: