ALCALDÍA

O alcalde lembra o espazo que Uruguai ocupa na memoria de moitos composteláns e agora tamén no plan urbano da cidade

03/06/2013 A República Oriental do Uruguai xa conta cunha praza en Compostela, a carón da rúa da Fonte dos Concheiros. O novo emprazamento foi inaugurado nun acto no que participaron o presidente de Uruguai, José Mujica; o alcalde compostelán, Ángel Currás; e o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, entre outras autoridades. Antes, o máximo mandatario do país suramericano foi recibido pola Corporación en Raxoi, continuando así coa súa visita oficial a Galicia.

Ángel Currás destacou o papel de Uruguai como receptor de tantos galegos á busca de oportunidades e agradeceu a súa "comprensión" con aqueles emigrantes. Agora, tras o recoñecemento "parcial" no nomenclátor da súa capital, Montevideo, Compostela estende a lembranza a todo Uruguai coa denominación dunha praza nunha zona na que "vive unha parte importante da comunidade uruguaia residente en Santiago". Indicou que se trata dunha "praza modesta, integrada na vida cotiá do barrio, unha praza modesta que acaso simbolice mellor o papel de Uruguai no mundo".

"Uruguai ten o seu espazo na memoria de moitos composteláns vinculados á emigración", dixo Ángel Currás, engadindo que "agora ten tamén o seu espazo no plano urbano de Santiago". Neste sentido, o alcalde lembrou unha expresión dun poema do escritor Mario Benedetti para asegurar que uruguaios e composteláns sempre compartiremos unha "mirada atlántica".

Tamén o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo botou a vista cara eses galegos que emigraron a América e construíron "unha ponte invisible pero de sólidos piares que cruza o Atlántico de beira a beira", polo que circularon durante décadas oportunidades económicas, cultura, educación, arte, en definitiva, dixo "esperanza e progreso para esta terra". Segundo resaltou, a acollida que Uruguai dispensou aos nosos emigrantes entraña unha "lección cívica" que segue vixente nos nosos días.
Pola súa parte, o presidente de Uruguai, José Mujica, agradeceu o recoñecemento, apuntando que "Galicia, a súa historia, as súas loitas e os seus valores tamén compoñen o itinerario da miña República". Por todo iso, declarouse emocionado polo acto.

Busto de José Gervasio Artigas
Ademais da placa identificativa da praza, no acto tamén se descubriu un busto de José Gervasio Artigas. A continuación, a Banda Municipal de Música interpretou os himnos de España e Uruguai. Tras as intervencións, realizouse unha ofrenda floral ante o busto descuberto e a Banda interpretou o himno galego.

Antes deste acto, o presidente de Uruguai fora recibido en Raxoi polo alcalde e a Corporación Municipal. José Mujica asinou no Libro de Honra da cidade e recibiu de mans de Ángel Currás, unha cuncha de peregrino en lembranza da súa visita a Santiago. O dirixente uruguaio agasallou ao alcalde cunha pedra mineral procedente do departamento de Artigas.

Compartir: