EDUCACIÓN

Oportunidade para coñecer os recursos naturais do Campus Sur

15/06/2006 O Departamento de Educación e Mocidade e a Universidade de Santiago poñen en marcha dous roteiros guiados polo Campus Sur da Universidade. Estes percorridos didácticos realizaranse o venres 16 de xuño ás 17:00 horas e están dirixidos ao profesorado de tódolos niveis educativos e a calquera cidadán. O punto de partida é diante da Facultade de Químicas, para o primeiro roteiro, e diante da entrada principal do Pavillón polideportivo do Monte da Condesa, para o segundo.

O primeiro itinerario abrangue unha área comprendida desde a entrada principal ao Campus Sur ata os Colexios Maiores. Iníciase o percorrido no encontro da Avenida da Coruña coa Avenida das Ciencias e remata tamén na Avenida da Coruña, no cruce coa Avenida das Burgas.

O segundo itinerario comprende gran parte do Monte da Condesa e é máis amplo e diverso que o anterior. Neste itinerario, xunto con especies exóticas, hai representantes da flora autóctona galega, coma os carballos e os érbedos. Tamén está incluído o único exemplar de sequoia existente no Campus. Este percorrido é tamén útil para aprender a recoñecer algunhas das especies arbóreas e arbustivas de cultivo frecuente, coma pradairos, tileiros ou tuias.

Os xardíns que ten a USC na cidade de Santiago de Compostela desenvolven un importante papel como área de lecer, non só para a comunidade universitaria, senón para o público en xeral. Tamén, aínda que menos explotado, representan un recurso didáctico, que pode ser aproveitado en todos os niveis educativos.

Compartir: