NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

A Concellería de Normalización Lingüística colabora no espectáculo "A nena e o grilo nun barquiño"

31/05/2013 O Teatro Principal acollerá este sábado, a partir das 18.30h, a representación deste espectáculo para toda a familia, ao que acudirá a concelleira de Normalización Lingüística Rebeca Domínguez.

"A nena e o grilo nun barquiño" é un espectáculo para toda a familia que lle dá continuidade ao exitoso musical que percorreu Galicia no ano 2010 da man do programa de dinamización lingüística Bocaberta, da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

Nesta ocasión os dous personaxes, a nena e o grilo, prepáranse para vivir unha historia de aventuras coa que continuarán a descubrir o mundo e os seus segredos, e o seu propio mundo interior.

As aventuras inciden directamente en temáticas xa esbozadas na entrega anterior: a solidariedade, o respeto á natureza, a identidade, o desenvolvemento do universo afectivo e a curiosidade por todo o que os rodea.

A nova edición do programa de dinamización lingüística pretende crear espazos de uso, aprendizaxe e interacción en galego, ligados ao lecer, á cultura xuvenil e ás novas tecnoloxías da comunicación (TIC). A través das súas actividades, destinadas a distintos tipos de público, búscase ligar a imaxe da lingua galega aos valores positivos e modernos da sociedade actual. Ao mesmo tempo, refórzase o uso do galego entre galegofalantes e proporciona modelos lingüísticos de referencia aos cativos de orixe castelanófona.

Compartir: