MEDIO AMBIENTE

Si quero…reciclar

14/06/2006 Concienciar aos máis novos para que participen na recollida selectiva do lixo é o obxectivo da campaña "Si quero. Reciclar querendo", promovida pola Concellaría de Medio Ambiente en colaboración con Urbaser. A iniciativa desenvolverase dende o venres 16 en catro puntos da cidade e incluirá representacións teatrais na rúas, obradoiros e a difusión dunha serie de mensaxes dirixidas a nenos e nenas.

A campaña, realizada pola empresa Applus, pretende que os rapaces "colaboren na xestión do lixo por vontade propia", segundo apuntou a concelleira de Medio Ambiente, Marta Álvarez-Santullano, na súa presentación. A iniciativa oriéntase nunha triple dirección: reducir, reutilizar e reciclar.

Os lemas invitan aos rapaces a intentar minimizar a produción de residuos, suxeríndolles que adopten o hábito de "non desperdicio", incrementando o emprego de envases retornables, rexeitando as bolsas ou mercando envases-aforro. Tamén se lles lembra que moitos obxectos teñen unha utilización alternativa despois de usados (botellas, bolsas de plástico, caixas de cartón) ou que poden ser empregados por outras persoas (libros de texto, roupa usada). Finalmente, a campaña quere fomentar o hábito da reciclaxe, coa recollida selectiva e o seu depósito nos colectores correspondentes.

Área Central, a Praza do Toural, a Alameda e a Praza Roxa serán os puntos nos que, alternativamente, se desenvolverán as actividades. Os venres, en horario de 17 a 21 horas e os sábados de 12 a 14 e de 17 a 19 horas, haberá obradoiros de reutilización e reciclaxe de residuos domésticos, nos que os rapaces poderán realizar carteiras con briks, lapiseiros con cartón, cometas e paracaídas. Isto complementarase con xogos tradicionais orientados á recollida do lixo. Para comezar, os obradoiros celebraranse en Area Central, o venres 16, e na Alameda, o sábado 17.

Un mimo estará pola zona de cada día e captará a atención de nenas e nenos cara estes catro lugares e dous monitores percorrerán as rúas próximas informando sobre a campaña. O labor de difusión complétase con anuncios en prensa e radio e co reparto de folletos informativos, pegatinas e gorras.

Compartir: