MEDIO AMBIENTE

O bo uso do contedor amarelo permitirá a 12 compostelás gozar dun fin de semana de turismo rural

15/06/2006 A campaña de recollida de plástico, latas e briks xa ten gañadores. Un fin de semana para dúas persoas nunha casa de Turismo Rural é a recompensa da que poderán gozar 12 afortunados, que acreditaron o seu bo uso do contedor amarelo entre o 1 e o 30 de maio. O alcalde de Santiago, Xosé A. Sánchez Bugallo, entregoulle o premio aos agraciados nun acto celebrado no Salón Nobre do Concello con membros da Corporación.

A lista de gañadores foi presentada pola concelleira de Medio Ambiente, Marta Álvarez-Santullano, quen resaltou o feito de que os premios foran todos para mulleres e a alta participación na campaña de barrios coma o de Fontiñas. Os gañadores poderán aproveitar a súa estanza ata o 31 de outubro.

O sorteo das 21 estancias realizouse escollendo ao azar bolsas do colector amarelo que indicaran claramente no exterior o nome, enderezo e teléfono do cidadán que as depositou. Así, as premiadas foron as catro primeiras bolsas inspeccionadas o primeiro día despois da fin de semana e as tres primeiras o resto dos días, sempre que no seu interior conteñan unicamente envases de plástico, latas e briks.

Compartir: