MEDIO AMBIENTE

O parque do Agro de Ramírez reabre con máis de 700 metros cadrados e xogos para todas as idades

27/05/2013 O alcalde compostelán, Ángel Currás, xunto coa concelleira de Obras e Medio Ambiente, María Pardo, inaugurou o novo parque do Agro de Ramírez tralas obras de remodelación que se acometeron para melloralo.

O novo parque de Ramírez, cuxa construción foi adxudicada por un importe de 350.002 euros máis IVE, é a primeira área interxeracional de lecer da que dispón o Ensanche, de xeito que poderán facer uso dela nenos, mozos, pais e avós. Son máis de 700 metros cadrados de parque infantil e outros 200 metros cadrados de pista polideportiva, que poden empregar simultaneamente uns 194 usuarios: 115 nenos e 40 adultos comodamente sentados no parque, un máximo de 14 usuarios na pista deportiva e ata un máximo de 25 usuarios nos circuítos biosaudables.

En canto ao parque infantil, queda organizado en catro zonas de formas redondeadas, conectadas por sinuosos camiños pavimentados con céspede artificial antiestático. Os camiños axudan a agrupar os xogos por idades, creando pequenas separacións para que os nenos máis pequenos queden máis controlados e protexidos dos maiores.

Como denominador común das catro zonas, todos os xogos propostos caracterízanse pola asociación do metal con cordas e HPL de cores azul e laranxa. Ademais, son materiais altamente resistentes aos axentes meteorolóxicos, ao uso intensivo e aos posibles actos vandálicos. As áreas de xogo estarán pavimentadas con caucho continuo de fondo azul con motivos cósmicos en cor amarela.

Catro zonas
Cada unha das catro zonas equipouse con elementos adecuados a distintas franxas de idades e capacidades. Ademais, estas áreas son exemplos de integración, pois o xogo reunirá a todos os nenos, incluído aos que presenten algunha discapacidade.

A primeira zona denomínase de xogo combinado, para idades de 2 a 12 anos. Ten un gran xogo de tres torres, a máis alta delas de 6,50 metros de altura, da que sae un tobogán. Tamén ten unhas randeeiras cesta.

A segunda zona é un centro de actividades para usuarios de todas as idades. Ten dous pórticos de randeeiras e unha área con casiña e tobogán. A isto hai que sumar un resorte múltiple con paneis laterais, un resorte individual, un balancín dobre e un panel lúdico-pedagóxico do sistema braille. Os pequenos tamén poderán xogar á mariola.

A zona 3 concíbese como un xogo interactivo para nenos e nenas de máis de 3 anos. Esta área dispón dun xogo de trepa interactivo, nunca antes instalado en Galicia, no que se combina unha trepa tradicional con satélites electrónicos integrados. Pequenos e maiores poderán sentirse atraídos por esta instalación.

As montañas son as protagonistas da cuarta zona, para todas as idades. As montañas combínanse con tobogáns, cordas de trepa e unha cama elástica redonda. A montaña maior deseñouse para que resulte accesible para nenos con dificultades motrices, incluso por nenos usuarios de cadeira de rodas.

O novo mobiliario facilitará a comodidade, a separación das propias áreas de xogo e o control dos rapaces polos pais, dada a súa situación. Con acabados en madeira, instalaranse catro bancos curvos de 4,5 metros de lonxitude e catro bancos tipo cadeira, ademais de dúas papeleiras.

Pista polideportiva e circuítos biosaudables
A pista polideportiva permite a práctica do fútbol e o baloncesto. O pavimento, así como as liñas regulamentarias, están realizados en céspede artificial antiestático. A estrutura entramada de valados metálicos arredor permite a perfecta visibilidade do entorno, tanto dende dentro como dende fóra da pista, debido á súa transparencia.

O parque complétase con dous circuítos biosaudables: un para o acondicionamento físico, onde os elementos seleccionados están especialmente deseñados para o exercicio cardiovascular e de forza; e outro para un tipo de exercicio de menos intensidade, no cal o tipo de exercicio está máis indicado para persoas maiores.

Compartir: