EDUCACIÓN

Remata o XVIII Certame de Teatro Intercentros coa entrega dos premios aos gañadores de primaria

28/05/2013 O Teatro Principal acolleu o acto de entrega dos galardóns do XVIII Certame de Teatro Intercentros correspondente aos alumnos de primaria, ademais da representación da obra gañadora: "Non sen o meu teléfono móbil", do grupo A aula do fondo do CEIP Lamas de Abade.

A edila de Educación, María Castelao, fíxolles entrega do galardón que os acredita como gañadores desta edición na categoría de primaria, pois foron os que máis votos obtiveron por parte dos asistentes ás funcións realizadas nos salóns de actos do IES Xelmírez, Rosalía de Castro e na Escola de Maxisterio. Complétase así a edición número XVIII do certame, que na categoría de segundaria gañou o grupo Bululú, formado por alumnos de secundaria dos IES Lamas de Abade e Pontepedriña, coa súa obra A Catedral. Eles recibiron o seu galardón a semana pasada.

Mellor actor e actriz
No acto tamén se entregaron os premios a mellor actor e actriz. Fixéronse co galardón Jacobo Casal Moure e Paula Carnota Mallón, ambos polos seus papeis na obra Os animaliños, do Colexio San Jorge.

Os gañadores estiveron nominados xunto David Ramos Rodríguez (Inda non es sogra, do CEIP López Ferreiro); Adrián Caamaño Oreiro (Os poema do río do CEIP de Vite); Nicolás Vázquez Sesar (Os cociñeiros da seguridade social, do CEIP de Vite); Valentina Devonish Bravo ( Os poema do río); Andrea Arrojo Otero (Inda non es sogra); Antía Mata Conde (Os animaliños)

Os organizadores quixeron lembrar a gran calidade de todas as obras representadas, o meritorio traballo de todas as persoas participantes e, segundo os votos do xurado, destacar a elección da obra Os animaliños, de Roberto Vidal Bolaño, adaptada polo Colexio San Jorge par ao seu grupo de teatro de primaria e dirixida pola profesora Cristina García Cancela.

O Certame deu comezo o 8 de abril e durante unha semana os diferentes grupo de teatro de Santiago e comarca participantes fixeron as súas representacións nos salóns de actos dos IES Xelmírez I, Rosalía de Castro e na Escola de Maxisterio. O propio alumndo asistente e diferentes profesionais de teatro foron os encargados de elixir as obras e os grupos gañadores das categorías de educación secundaria e educación primaria, así como o mellor actor e mellor actriz en cada categoría.

Centros que participaron no Certame (categoría de educación primaria): Grupo de teatro MÁSCARA do CEIP LÓPEZ FERREIRO; grupo de teatro TEATREIROS/AS do CEIP DE VITE; grupo de teatro GRUPO DE TEATRO DO COLEXIO SAN JORGE; grupo de teatro OS CHIRIPITIFLÁUTICOS do CEIP DE VITE.

Compartir: