EDUCACIÓN

Clausúrase a XIII Campaña Municipal de animación á lectura con máis de cinco mil participantes

25/05/2013 A concelleira de Educación, María Castelao, asistiu na Galería Sargadelos a unha sesión especial de contos e música para as familias no marco da Clausura da XIII Campaña Municipal de Animación á Lectura, na que participaron 5500 escolares.

Este acto pon fin ao programa de actividades da XIII Campaña Municipal de Animación á Lectura, organizada polo Departamento de Educación do Concello e Kalandraka Editora, que se celebrou na Galería Sargadelos dende o 4 de abril baixo o título "Unha BANDADA de contos", baseado no traballo de María Julia Díaz Garrido e David Daniel Álvarez Hernández (México).

"Bandada", que resultou gañador do V Premio Internacional Compostela de Álbums Ilustrados, convocado polos organizadores da campaña, é unha metáfora sobre a historia da humanidade protagonizada por varias especies de aves.

Co obxectivo de achegar a lectura e a escritura aos nenos e nenas de Compostela e da comarca, organizáronse diferentes propostas dirixidas á formación do profesorado, aos escolares de educación infantil e primaria, con obradoiros co ilustrador Pablo Otero "A vista de paxaro"; obradoiros de poesía a partir de textos de Rosalía, dirixidos por Alberto Barreiro; sesións de contacontos para familias; sesións didácticas na exposición, cine-forum, entre outras.

Compartir: