XUVENTUDE

A Concellería de Xuventude e a USC únense para facilitar a busca de emprego para os máis novos en Canadá

24/05/2013 A concelleira de Xuventude, Rebeca Domínguez, acompañada polo vicerreitor de Estudantes da USC, Francisco Durán, expuxo os principais puntos do acordo, que facilita o visido a Canadá para mozos, co fin de que encontren unha oportunidade laboral. O vindeiro 29 de maio ás 18h a Casa das asociacións de Cornes acolle unha charla aberta impartida polaagregada de educación e cultura da Embaixada de Canadá en España para que todos os interesados recaben a información que necesiten.

Esta charla pretende dotar a todos os mozos e mozas de Santiago, entre 18 e 35 anos, de toda a información necesaria para emprender unha viaxe laboral ao país norteamericano, cunha ríxida lei en materia de traballo. En palabras da concelleira "a embaixada de Canadá e a concellería de Xuventude están a traballar conxuntamente para ofrecer unha ferramenta legal a través dun visado aberto de traballo aberto durante 1 ano".

Cunha "situación laboral sensible que esixe responsabilidade" ofértanse tres modalidades de permiso de visado aberto: por un lado unha modalidade de traballo en vacacións, un permiso de prácticas para estudantes en activo e unha última modalidade denominada novos profesionais para mozos e mozas que xa remataron os seus estudos.
Para os que estén interesados en adherirse a este programa aínda quedan vacantes, nas modalidades de prácticas e novos profesionais.

O idioma non é un requisito á hora de seleccionar aos participantes neste proxecto, selección que se fai dende a embaixada, para así "estimular e axudar á mobilidade" segundo Francisco Durán. Así mesmo o vicerrector de Estudantes apuntou que "a maior demanda de profesionais prodúcese nos ámbitos das ciencias da saúde e das ciencias económicas". Tamén remarcou que "a USC está a traballar para promover un proceso de internacionalización dos mozos".

Segundo salientou a concelleira, quedan 20 vacantes na modalidade de prácticas e 90 para novos profesionais. Non obstante, abrirase unha nova quenda á volta do verán.

Compartir: